Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Cuestionario Proust: Manuel Antonio Piñeiro Fernández

Manuel Antonio Piñeiro Fernández

1.– Principal trazo do seu carácter?
– Aberto; nese sentido de “non pechado”. Tampouco que se entenda como aquilo das ostras e os caracois (sublime, Stanley Kubrick. Non estou seguro de se xa estaba no guión de Dalton Trumbo, pero na pantalla dá magnífico). Pódese ser aberto ao estilo Craso e aberto ao estilo Lester Burnham (incluso unha bolsa de plástico ondeando ao vento ten unha certa suma de beleza; so depende de cómo a mires); ademais: aberto porque no aberto cabe todo e, se noutra resposta contesto outra cousa, pois tamén será verdade.
E xa sabemos que incluso a contradicción é verdade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Debo confesar que aí peco de certo materialismo, porque o que me gusta nas demáis persoas son os efectos concretos dos sentimentos abstractos. Póñoche un sentimento abstracto como exemplo e deixo que o efecto concreto o imaxine cadaquén: o desexo.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que deixen que a suma aumente (e non me saíu como unha frase con dobre sentido, aínda que despois de pensalo un pouco, si).
4.– A súa principal eiva?
– É moi común. Ás veces fágome pallas mentais, pero xa che digo: un profesional díxome unha vez que iso pásalle a moita xente.
5.– A súa ocupación favorita?
– Recordar. E o que non recordo ben foi quen dixo aquilo de que “o único que me molesta da morte é non poder seguir recordando”. Mira que o busquei en Google, en Yahoo e ata na Encarta, pero non hai maneira. En fin: aquilo que dicía Proust (o mesmo que dá nome a este cuestionario) do recendo da madalena mollada en té. Esa fascinación da vida que queda na vida. Recordar cunha música, cunha imaxe ou cunha magdalena; que flipe!
6.– O seu ideal de felicidade?
– Por suposto, chegar a coñecer o sentido da vida, da existencia. O significado do mundo, do tempo, do ser. Iso se falamos do ideal, claro. Pero teño tamén varias felicidades peonís. Por poñer un par delas: as cigalas e esa outra cousa da que din “sempre andades a pensar no mesmo”.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Non cho sei certo. Como son tamén bastante práctico, entendo que tanto os grises coma os amarelos teñen a súa razón de ser na vida. Ou aquilo do noso proverbio: nunca choveu que non escampara.
8.– Que lle gustaría ser?
– Ufff. Cando era neno sempre me preguntaban iso. Eu contestaba sen pensar: profesor. Pero logo corría á praia de Colomer, cunha botella de lixivia de cor azul, das de asa, e mais dous anacos de corda de atar as redes. Facía coas cordas un arnés, amarraba a botella ao meu lombo, como se fose a bombona de osíxeno dun home ra de “Viaxe ao fondo do mar”, e mergullábame na beira pensando en cofres imaxinarios. Estaba claro: acabei sendo profesor e fabulador.
9.– En que país desexaría vivir?
– Pois aí si que teño un problema, porque me vexo nómade. As Rías Baixas, Florencia, o Caribe, Madagascar, San Francisco, as pradeiras americanas, Manaos, Miami, O Cairo e o Nilo, Bangkok e o Chao Praya, as illas gregas, Bombai, Israel, Hawaii. O mundo é unha virguería. Pero está claro que isto do nomadismo ten certas limitacións. ($). Así que digo o primeiro por raigame e sentimento: as Rías Baixas. O que si che podo acoutar é o contrario, onde non me gustaría vivir: onde haxa neve.
10.– A súa cor favorita?
– Pois é unha das tres primarias: azul. Paréceme elegante, harmoniosa e, á vez, intensa, con carácter. Ademáis é a cor da atmosfera (efecto da dispersión de Rayleigh) e os nenos píntana nos seus cadernos como a cor do mar. Segundo o test de Vasili Kandinsky, ao preferir o azul tamén debería preferir o cadrado. Pero mira ti que non. Gústanme con diferenza o círculo e o triángulo.
11. – A flor que máis lle gusta?
– Ribeira.
12.– O paxaro que prefire?
– Sen dúbida o carrizo (Troglodytes Troglodytes) Fai un niño tecido, paciente, esférico e pendurado, coma unha lúa das silveiras. Recordo aquela mañá de 1972, indo cara ao río (lavadoiro) do Ameneiro, en Ribeira, cando, sen que souberamos por que, o primeiro carrizo que vía permitiunos ollar durante un instante cómo tecía o seu. Con confianza, cunha despreocupación de cóxega, de amizade. Os carrizos achéganse a un, nos parques, e póñense a triscar a metro e medio, sendo como son o paxaro máis pequeno e fráxil de Galiza.
13.– A súa devoción na prosa?
– Francisco Umbral, o Giocondo, as Giganteas, os Males Sagrados, os Fieitos arborescentes, o Carnívoro coitelo, as Ninfas, a Teoría de Lola, a Balada de gamberros.
14.– E na poesía?
– Javier González (Donde no cabemos), Luísa Castro (Los versos del eunuco), José Ángel Valente, Aurelio Gonzalez Ovies (La hora de las gaviotas, Nada), Javier Bello (Letrero de albergue, Las jaulas).
15.- Un libro?
– A novela que contén o capítulo máis breve e poderoso da literatura (se non me engano). A novela comeza así: “Cuando me arranco al bosque de los sueños, a la selva oscura del dormir, y me cobro a mi mismo, me voy lentamente completando”. Así dende a primeira ata a última frase. A escritura perpetua. O capítulo breve di: “Estoy oyendo crecer a mi hijo” (un fillo xa “ausente”, o significado de cuxa ausencia-presenza so se pode comprender lendo o libro. O seu título é Mortal y Rosa.
16.– Un heroe de ficción?
– O Coiote (Wile E. Coyote), de Chuck Jones (o que en teoría debería ser antiheroe do Correcamiños, pero para min heroe, creativo e teimudo).
17.– Unha heroína?
– A verdade é que hai varias. Gelsomina (“La Strada”, Federico Fellini), sen que saiba moi ben dicir por que. Temperamento ante calquera infortunio? Vitalidade, ilusión, lealdade, alegría, compaña? Pode ser que sexa pola tremenda forza do seu personaxe, aínda que –si- sobre todo porque é a súa presenza a que reflicte a condición de todos os demais. Tras se separaren, Zampanó (Anthony Queen), anos máis tarde, logra saír da tona durísima que as condicións de vida lle impuxeran, so co seu recordo; igual que Lester Burnham (“American Beauty”) descobre a verdadeira beleza ollando só unha foto pola que transcorreu o tempo. Aí a maxia de Gelsomina.
18.– A súa música favorita?
– As cualidades da música son tantas que compoñen unha especie de magma, tectónica ou teluria emocional. Imprescindible. Resultame difícil deixar algo de lado. Pero se hai algo que escoito con máis asiduidade, é o Rock and Roll. E ademáis vouche deixar unha anécdota/adiviña curiosa para convidarte, de paso, a escoitar un tema clásico que te vai nutrir de emoción. Saberías dicir cal é a canción de AC/DC que comeza cunhas badaladas no mesmo “do-grave” ca as da campá da Berenguela, na Catedral de Santiago? Fóra de serie.
19.– Na pintura?
O barroco: estilo no que a imaxe é paixón en vez de representación; drama en vez da aparencia; lume en vez de paisaxe; convulsión en vez de composición; literatura en vez de imaxe; talento á vez que oficio.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– A pregunta, feita así, está atinada. O mesmo dá, neste caso, heroína ou heroe. A persoa na que penso, ademáis, é moitas. Refírome a quen aquel día (6 de xuño de 1944) tiña que desembarcar o primeiro da lancha, fronte á praia de Omaha, nun diluvio de chumbo do que sabía que non ía saír; ou a quen tiña que subir o cantil de Pointe du Hoc, sabendo que sería o último que fixese, porque ao final da corda, enriba, estaban a esperalo para dispararlle. Refírome a ese heroísmo. Hai pouco estiven nun dos campos de batalla da nosa Guerra Civil. Aínda están alí as trincheiras, os fortíns, os túneles. Non desapareceron. Metinme nunha e percorrina. Miden quilómetros. Esta era do British Batallion. Coñecendo como coñezo canto alí pasou, a sensación foi calafriante. Ía ollando polo chan, todo cheo de balas, casquillos e anacos cortantes de metralla, restos de latas de sardiñas de comeren alí os combatentes. Recollín algúns deses restos do combate e tróuxenos. Tocalos, aínda agora, dá unha sensación rara. Non sei. Supoño que nos pasa isto aos de Historia. En todo caso, estoume a referir a ese heroísmo.
21.– O seu nome favorito?
– Algunha vez o pensei; pero nunca o escollín. Tratandose de nomes (nomear as cousas) non me vexo facendo xerarquías. Cada nome é un matiz-mundo, unha parte do código dos matices que están ligados á persoa (ser, cousa, espazo, tempo, acontecemento), que lle aporta algo de literatura e distinción, e que serve para recordala ou contala. Outra cousa sería preferilos pola fonética, pero iso é cousa xa de palabras, máis que de nomes.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Quizais o mesmo feito de ter hábitos. Non sei. Coido que a ciclicidade é para os acontecementos, non tanto para as persoas. Ainda que tamén é verdade que teño un gato. Xa sabes como son. Teñen ese reloxiño interno e sistemático que sempre me recorda ao “motoriño interno” de Billy Wilder (Tony Curtis na estación de tren, detrás de Marilyn Monroe. Que grande Billy Wilder). En fin, que a propia vida é hábito e seguramente faga o monxe. Así que prefiro soportar o que sexa.
23.– O que máis odia?
– Pois coido que polas outras respostas queda claro: a inflexibilidade, o trato agre, a dureza, a exactitude, a gravidade, a mala hostia, o caracter tiránico, en definitiva, toda esa macedonia propia de certos temperamentos. Xa sei que, no fondo, é a debilidade, o medo, e todo ese rollo psicoanalítico da inseguridade, o que o causa; que a tiranía é unha pantalla do egoismo pavoroso para desviar a atención dos demáis das propias eivas; pero non podo evitar odiar os seus efectos no resto das persoas.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Pois hai bastantes, aínda que, claro, segundo di aquilo do “efecto bolboreta”, todas son imprescindibles na cadea do tempo que ven dar a cada un de nós. Se non existira calquera delas, calquera intre ou acontecemento, seguramente nós non existiriamos. Pero dado que dis simplemente “desprezar”, non “borrar”, vou dicir unha sen mencionar o nome, o cal da xa unha idea do desprezo: Unha persoa que, antes de se matar polo seu terror e o seu fracaso, matou antes ás fillas/os e familia porque se consideraba a si mesma única capaz de decidir que non valía a pena que seguisen neste mundo. Mira ti no que poden chegar dar algúns.
25.– Un feito militar que admire?
– O da estilística, retórica e lírica dos cuarteis. A personificación, sobre todo. Ese recurso estilístico de arrestar ou castigar ventás, garitas, catres, vaixelas ou escopetas, por estaren implicadas en accións antirregulamentarias. É dicir. O oficial achégase, ponse fronte á porta da cantina e dille: arrestada unha semana por provocar a liorta na que o cabo feriu ao tenente. Admirable maxicorrealismo.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Natural? Uuuuuuiiiii. Por pouco dígoo.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Pois da maneira en que o vou facer seguro: ollando nacer algo.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Expectante. Transitorio. Reflexivo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Todos os defectos son perdoables. Nin sequera esa palabra –perdoar- a entendo demasiado ben. Non xulgo (simple postura persoal). Existimos pola multitude e pola diferenza. Recordo como en Cuatro corazones con freno y marcha atrás, de Jardiel Poncela, a inmortalidade, por selo, facíase insoportable. O recendo doce non se entende sen o recendo a podre. O vivir non se entende sen o morrer. Os defectos son os necesarios contrastes das virtudes. Nin sequera sei se agora mesmo estou dicindo unha chorrada.
30.– Un lema na súa vida?
– Sempre flexible.

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 9 Setembro 2014 por en Divulgación,Literatura galega , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: