Do escrache ao rescate da lingua

Onte celebrouse unha sesión no Parlamento de Galicia onde, entre outros asuntos, a parlamentaria Ana Pontón defendeu unha moción que instaba ao goberno galego e cumprir a Lei de Normalización Lingüística nos centros de ensino.  Custoume atopar información sobre o acontecido agás escasas plataformas informativas, polo que o tratamento recibido é indicio revelador do grao de interese que existe polo noso idioma e polo seu futuro. Porque de futuro se fala cando tan só se demanda o cumprimento dos contidos dunha lei  consensuada no seu día e que agora se ignora, conculca ou manipula.

       O falar non ten cancelas, pero non é este o caso pois sei que, nunha semana coma esta no que comeza o ensino primario e o secundario, a experiencia é compartida con centos de ensinantes deste país que recibimos esperanzados, cada curso escolar, novas fornadas de estudantado no ensino medio que, cada vez máis, chegan cargados de prexuízos, resultan máis alleos á súa propia (?) lingua e presentan unha competencia no idioma do seu país practicamente nula: antes era unha anécdota mais desde uns anos para acó convértese xa en categoría. Sentirse docente dunha materia que desde hai algún tempo queren converter en “lingua estranxeira”  é unha realidade brutal e dolorosa,  mais tamén tanxible e verificable.

       O “escrache” do que falaba Ana Pontón é unha realidade e quen non o queira ver ou o negue  terá as súas razóns, loxicamente políticas porque doutra índole non hai. O triste é que de seguir así  hipotécase de vez o noso propio futuro como país que vivirá alleo e de costas ao seu propio idioma. Por apuntar unha iniciativa esperanzadora doulle moita importancia, neste sentido, ao discurso de Manuel Rivas que pronunciou hai uns días en Celanova cando demandaba un “rescate” da lingua nesta situación extrema que vivimos e así “construír un espazo de simpatía e biodiversidade” con ela.  Oxalá non sexa unha utopía e cheguemos a velo. Beizón, por último, a quen levou esta iniciativa ao Parlamento e ás deputadas e deputados que a defenderon, malia o previsible rexeitamento do grupo maioritario na cámara galega.