Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Salseiros, de Suso Lista

SUSO LISTA XUNTA NUN LIBRO CINCUENTA REFLEXIÓNS, A MEDIO CAMIÑO ENTRE O RELATO FICCIONAL E A CRÓNICA VITAL, QUE AFONDAN AS SÚAS RAÍCES NO ESPAZO QUE LLE É CONSUBSTANCIAL AO AUTOR: CORME E O MAR DO RONCUDO

Salseiros

NARRATIVA * Suso Lista * Embora *  179 páxinas * 18 euros

Cadran no tempo, e alégrome que así sexa, varios libros que teñen, dun xeito ou outro, o mar e nós como pano de fondo. Ás achegas de Xurxo Souto ou Xosé Iglesias, súmase este Salseiros, prologado por Alfredo Conde e primeiro libro de Suso Lista: percebeiro, actor, guionista, director radiofónico e docente teatral.

         O libro, que en boa parte recolle textos que viron a luz no blog do autor titulado “Espacio emocional e literario dun percebeiro do Roncudo”, comparte, inexcusablemente, ese espírito de bitácora que recolle pensamentos, experiencias, desexos, acordos ou trasacordos que o día a día vai ofrecendo ou suxerindo. Salseiros, así pois, xérase nun monllo de vivencias, nalgún caso ideadas, que sempre teñen como horizonte o universo do mar, a vila de Corme ou as xentes que a poboan, collendo forma a través dun manexo envexable dos recursos de filiación oral que transmite con limpeza, adornándoos cando cando cómpre con precisas pingas da fantasía e imaxinación.

         Lista afirma, ademais, somerxerse nesas “zonas húmidas das almas e das conciencias” onde o tempo “pasa moi lentamente e a xente abúrrese de vivir”. E abofé que así o transmite nos máis dos casos co enxeño preciso para nos conducir por eidos que van alén do que o mar ofrece, pois tamén se fala do que a vida dá ou quita para poder cartografar o mundo. O que en primeira instancia pode semellar un anecdotario reformúlase a través dunha ollada irónica, por veces humorística,  que obriga a superar esa categoría deixando paso, en moitas ocasións, á reflexión e ao espírito crítico. Un libro que sabe ao mar do Roncudo, á verdade que encerra a filosofía vivencial do seu autor.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Fugas” de La Voz de Galicia o 22 de agosto de 2014 baixo o título de “Letras do mar do Roncudo”.

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 12 Setembro 2014 por en Crítica literaria,Literatura galega,Narrativa , , , , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: