Este vindeiro luns día 15 de setembro cumprirase o 163 aniversario do nacemento de Manuel Curros Enríquez. A popularidade que gozou en vida patentízase aínda hoxe na enorme difusión coa que contan algunhas das súas creacións poéticas que constitúen parte esencial do noso patrimonio literario e cultural. Teño para min que a ética que se encerra no seu perfil biógrafico e a estética que circula na súa obra, sempre tan actual, ben pode ser de utilidade para iluminar e atravesar o noso propio tempo.
Deixo hoxe aquí, mercé á colaboración xenerosa da Fundación Penzol, unha carta datada en 1887 que Curros lle envía desde Madrid a Gumersindo Buján, cando este xa era xuíz de primeira instancia e instrución en Viana do Bolo.