As escaleiras do Gran Hotel, de Rubén Martínez Alonso

HAI ESPAZOS QUE MERECEN SER NOVELADOS E UN DELES É O GRAN HOTEL DE MONDARIZ-BALNEARIO. VELAQUÍ O RESULTADO DESA IDEA QUE, ADEMAIS, FOI GALARDOADO NA ÚLTIMA CONVOCATORIA DO PREMIO VICENTE RISCO DE CREACIÓN LITERARIA

As escaleiras do Gran Hotel

NOVELA * Rubén Martínez Alonso * Sotelo Blanco *  171 páxinas * 20 euros

 Non se asoma por vez primeira Rubén Martínez Alonso á creación narrativa como testemuñan, alén do seu recente ensaio El Casino de Vigo. Crónica ilustrada de la histórica sociedad de recreo (1847-1936)  (Alvarellos Editora), dúas novelas anteriores como foron 1980 (Ano Cero) e mais A saudade do caracol, ambas as dúas publicadas no selo noiés Toxosoutos.

        As escaleiras do Gran Hotel fai posible volver a ollada a un espazo moi rendible desde o punto de vista da súa literaturización. Entre as diversas posibilidades que ofrece a historia do célebre establecemento –ben celmosa sería a que acolleu a época de fervor galeguista que se desenvolveu e xermolou naquel lugar-, óptase, neste caso, por situar un argumento de política-ficción, a finais dos anos vinte do pasado século, dominado por unha trama na que se recollen, creo que con solvencia, ademais das desigualdades que se latexaban na sociedade galega daquel momento, as reviravoltas que protagonizan Carolina e Tomás, dous personaxes mozos que viven un romance malia pertencer a familias enfrontadas, e que se van ver involucrados nos preparativos que teñen como obxectivo atentar contra a xefatura de goberno riverista cando esta emitía xa signos inequívocos de esgotamento que axiña se converteron, dalgún xeito, nos derradeiros estertores daquela época.

       Certas digresións palpables en pasaxes informativas ou lendarias no seo da propia ficción e certa formalización nalgúns diálogos non ocultan a orixinalidade argumental, a súa fluidez nin a actualización dun tempo pouco tratado da nosa Historia e, abofé, na nosa historia literaria.

Esta recensión publicouse baixo o título de “Historia e ficción en Mondariz-Balneario” nas páxinas do suplemento “Fugas”, de La Voz de Galicia, o 15 de agosto de 2014.