Traballo todos os días, e felizmente, con adolescentes, aos que ensino algunhas cousas ao tempo que elas e eles me ensinan bastante máis. Vinte e cinco anos ininterrompidos como docente que me regalaron unha ricaz experiencia non como observador senón como parte desa engrenaxe que é a educación e que me brinda unha atalaia desde a que opinar cando hoxe se cumpren dez anos da aprobación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Aquel plan consensuado amplamente e aprobado no Parlamento de Galicia supuña, incontestablemente, unha ilusionante luzada para, xustamente, normalizar o uso da lingua galega na nosa sociedade, propondo atinadas e razoables accións no ámbito do ensino. A derrogación do decreto 124/2007 onde se contemplaba, entre outros aspectos, un mínimo de 50% de ensino en galego para todos os ciclos educativos obrigatorios e a posterior aprobación do contestado “decreto do plurilingüismo”, que prohíbe impartir en lingua galega materias como Matemáticas en primaria e secundaria ou Tecnoloxía e Física e Química en secundaria, aséstalle, estalle asestando un golpe de graza á vitalidade e ao uso real do noso propio idioma no ensino.
Falo do que sei, do que percibo xunto con outros compañeiros e compañeiras docentes: as fornadas de novo estudantado que van chegando ao centro de secundaria no que traballo -un instituto público da periferia da cidade de Vigo, territorio no que o emprego da lingua galega era maioritario ata hai pouco tempo- chegan cargados –sempre hai honrosas excepcións- de prexuízos contra a lingua galega e, nalgúns e sorprendentes casos, exhibindo unha nula competencia na expresión oral e escrita. Todos os cursos realizo enquisas informativas sobre a “realidade lingüística” do alumnado. Incorporo aquí soamente, a xeito de orientación, os resultados dunha cala, non extrapolable a outros lugares mais si significativa, realizada nun grupo que cursa 2º de ESO, conformado por vinte e seis persoas. Dos varios ítems que responderon recollo aquí dúas conclusións:
1º-. Un 34,7 % vive nun contexto familiar totalmente alleo á lingua galega, isto é, nas súas casas ninguén fala galego. En liñas xerais outro terzo afirma que son os avós quen o falan entre eles e outro restante os seus pais, aínda que maioritariamente o alumnado non o empregue nin sequera nestes ámbitos.
2º-. Xustamente, esa mesma proporción, o 34,7 % admite que só fala galego, porque se esixe para comprobar a competencia oral, na clase de lingua galega. Ninguén di falalo sempre e o resto admite utilizalo “ás veces” e só en ámbitos familiares.
Avanzamos, se é que as medidas recollidas no PXNL non se reactivan como sería de lei, cara a un futuro pouco esperanzado para a saúde da nosa lingua. Se a esta realidade se lle engade a inexistencia de campañas institucionais que deberan fomentar o uso da lingua galega entre a mocidade, o panorama non convida ao optimismo. Con todo, persoalmente, obrígome a cultivar a resiliencia, isto é, tentar sobreporse a situacións adversas e xerar sinerxias positivas, neste caso a prol do idioma galego. Resiliencia, pois, polo de agora como resposta ao incumprimento do que a lei ditou, seguir sendo, como dixo Celso Emilio, “mariñeiros, labregos da linguaxe, remo i arado, proa e rella sempre”, talvez hoxe máis que nunca.
Ola! eu debo ir contra corrente. Toda a miña familia é galega. Son galega vella.
Vivo en Madrid denda 30 anos. Meus pais na casa falan castelán, só cos avós e os
seus irmáns e resto da familia, falan galego. Eu de ben nova, quería me falasen galego, o que eles practicaban… a xustificación deles era: Nos non sabemos o da escola. E con esas, fun poñendo a orella, escoitando e pescudando, cada verán cos avós. Entendía, mais non falaba.
Hai xa 5 anos que estudo galego na Escola Oficial de Idiomas Jesús Maestro de Madrid, grazas a cumprir un desexo que sempre tiven no meu corazón, saber galego e usalo!
Galega resiliente.
Grazas polo teu comentario. A túa actitude é merecente de aplauso. Dignifícaste e dignifícasnos. Moi agradecido.
Fermosa testemuña a de Sabela. Fíxome medrar!