Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto

XURXO SOUTO ADÉNTRASE NA ÉPICA DO MAR DE IRLANDA SINGRADO POR BARCOS E MARIÑEIROS GALEGOS. NAS SÚAS PÁXINAS RECLAMA A RELEVANCIA QUE O MAR TIVO NO NOSO PASADO E A QUE HA DE TER NO FUTURO


Contos do mar de Irlanda

RELATOS * Xurxo Souto * Xerais * 328 páxinas * 19 euros

 

 

Acértase ao empregar o xénero da crónica envolta con certos recursos ficcionais neste Contos dos mar de Irlanda: un volume ben destacable a teor da recepción que mereceu estes últimos meses  e que significa o retorno de Xurxo Souto ao  primeiro plano da actualidade literaria. Nel articúlase unha entrega concibida como unha colectánea de relatos que posibilita un percorrido emocional pola memoria que o mar de Irlanda imprimiu a ferro en tantos galegos que singraron aquelas augas e que, dalgún xeito, o autor ordena, presenta e volve dar vida, como magnífico contador de historias, o onde non pode agochar o abondoso corpus documental consultado para elaborar este traballo.

         Cunha estrutura tripartita que percorre asuntos vinculados coa “ribeira”, pasando pola “marea no Gran Sol” ata o que denomina “O outro lado do espello”, o libro atesoura derrotas que van do Muro ata Bouzas, das costas de Burela ata Castletón, das cidades asolagadas e os gaiteiros no mar ata os naufraxios ou as situación extremas vividas a bordo dos barcos. É así como reconstrúe, con pezas só en aparencia inconexas e soltas, un mosaico realmente oceánico que ao final, cando encaixa a derradeira tesela, permite obter outra visión, se cadra, do que foron as mareas do Gran Sol, do que eran os mares de Irlanda bautizados con nomes galegos e de como sentían as xentes que singraron eses mares.

       Para algúen que ten gravado na memoria o son da buguina de Barreras, que precedía á marea de obreiros enfundados de azul antes da reconversión, foi este un libro difícil de esquecer pois consegue reter no seu celme ben de “salseiro” e, ao tempo, outras moitas cousas.

Esta recensión, baixo o título de “Medre o mar!”, publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 12 de setembro de 2014.