Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Crónicas dun tempo escondido. Pontevedra 1960-1990, de Sabino Torres

cPoeta e editor, Sabino Torres recorre á súa espléndida e vizosa memoria para compendiar, con rigor e habilidade, trinta anos de vida cultural e social da cidade de Pontevedra.

Crónicas dun tempo escondido. Pontevedra 1930-1960

Ensaio * Sabino Torres * Galaxia * 332 páxinas * 22,90 euros

Publicara hai seis anos Sabino Torres un libro que abalaba entre a ficción e a memoria baixo o título de As tres columnas (Galaxia) e que estendera o xénero a outras posibilidades. Ofrece agora outra entrega, talvez máis anoada á crónica memorialística, que para min supón unha das achegas máis salientables feitas no ámbito memorialístico nestes últimos anos.

         Difícil sería dar con outra persoa distinta ao autor que radiografase con excelencia ese tempo que vai dos anos trinta aos anos sesenta do pasado século e que deseñase con transparencia o latexo dese espazo concreto que foi a cidade de Pontevedra. El gozou de moitas vivencias en carne propia, doutras soubo por fontes fidedignas e, ademais, soubo rescatalas da súa memoria persoal, transmitíndoas con fluidez e actualizando os acontecementos máis salientables, na orde cultural e social, do lugar onde naceu.

       Torres protagonizou, e tivo moito que ver, xa non só co nacemento da mítica colección poética “Benito Soto”, senón con outros proxectos como as revistas Finisterre e Litoral ou o semanario Ciudad, aquí analizados polo miúdo; mais non é o autor das crónicas quen nuclea a atención do libro pois sabe converter á cidade na verdadeira protagonista do libro. Neste sentido facilita, con moito sentido do humor, que nos conduzamos por eses anos escuros reconstruídos con eficiencia para documentarnos sobre o que ocorreu nun tempo e nun lugar e sobre aquilo que fixeron un grupo de persoas -Celso Emilio Ferreiro, Agustín Portela, Cuña Novás, Laxeiro, Álvarez Negreira, Filgueira Valverde ou Maside entre outros- que xunto a el mesmo, están hoxe presentes na historia da cidade.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Fugas” de La Voz de Galicia,  o 5 de setembro de 2014, baixo o título de “Memoria de Pontevedra”.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: