Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Chovida do ceo, de Alfredo Conde

RETORNA ALFREDO CONDE AO XÉNERO NEGRO, ÁMBITO ONDE SE MOVE CON INNEGABLE HABILIDADE E FLUIDEZ, DEITANDO NESTA NOVELA PALPABLES DOSES DE IRONÍA E HUMOR

 

 

Chovida do ceo

NOVELA* Alfredo Conde * Xerais * 336 páxinas * 19 euros

 

 

 Na ampla traxectoria narrativa de Alfredo Conde xurdiu hai catro anos a novela Huesos de santo, que en pouco tempo verá a súa versión en galego e coa que a presente Chovida do ceo garda evidentes conexións ao se tratar da continuación dunha serie na que realiza a súa irrupción un escéptico e singular personaxe: o enxeñoso comisario Salorio, grande afeccionado aos praceres da vida que, nesta ocasión, terá que se responsabilizar da resolución dun caso aberto, como resulta de regra no xénero, que nace coa descuberta dun cadáver espido na Quintana dos Mortos, aparecido coma “se chovese do ceo” e que leva nunha nádega a misteriosa tatuaxe dun anxo.

Velaí como a cidade de Santiago de Compostela se erixe, máis alá dun pano de fondo e a carón doutros espazos visitados e retratados como A Amaía ou o propio estadio de Riazor, noutro actante máis que, na súa descrición e na das xentes que o poboan, resulta operativa para espellar derivas do tempo contemporáneo. As inequívocas particularidades que a cidade posúe posibilitan que se suturen outras liñas argumentais enre as que salientan a presenza dunha personaxe portadora dun San Miguel Ancanxo ou o relato do roubo do Códice Calixtino, idea que o autor xa manexaba antes de que a realidade chegase a superar á ficción.

Chovida do ceo abraza un rexistro narrativo fluído con poucas digresións onde vai medrando o devezo por resolver o enigma e iso cómpre situalo no seu haber. Faise, ademais, con moito humor e ironía e deixando no camiño reflexións sobre o mundo que rodea á Igrexa, o poder da prensa escrita ou o funcionamento da xudicatura, o que non é pouco.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Fugas” de La Voz de Galicia, baixo o título de “Un cadáver na Quintana”, o 19 de setembro de 2014.

Advertisements

Un comentario en “Chovida do ceo, de Alfredo Conde

  1. alfredo conde
    30 Setembro 2014

    e un servidor agradecéulle a Ramón Nicolás a súa asepsia crítica, o mesmo que o fai agora en público, pois todos andamos moi necesitadiños dela, da asepsia e máis tamén da ecuanimidade, afectados que andamos hai anos de sectarismo acrítico e gregario abomndo como pra botar embaixo todo un sistema literario. Ou seica non?

Os comentarios están pechados.

Información

Esta entrada foi publicada o 30 Setembro 2014 por en Crítica literaria,Literatura galega,Novela , , , , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: