Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Reo, de Xesús Fraga

O escritor e xornalista Xesús Fraga ofrece unha sólida e fluída novela protagonizada por un grafiteiro, Reo, que revela as claves e vivencias dun adolescente de arestora.

Reo

Novela * Xesús Fraga * Galaxia * 144 páxinas * 12 euros

Non están exentas de fortuna as últimas achegas de Xesús Fraga orientadas cara ao eido da literatura xuvenil. Aos éxitos acadados por O elefante branco xúntaselle agora Reo, novela coa que acadou o premio Raíña Lupa de Literatura Xuvenil na súa última convocatoria, da que non é difícil conxecturar que camiñará por vieiros semellantes aos que arriba aludín.

        As razóns do acerto desta novela son ben diversas. Unha delas é que se introduce, por vez primeira no xénero e entre nós, no universo graffiteiro e faino acudindo a unha sorte de caderno de bitácora a través do cal Reo é quen de contar as súas propias experiencias vitais e describir o mundo que o rodea, sen obviar unha ollada realista sobre 0 tempo de incertezas que atravesa.

       Solvente na descrición de espazos e na configuración de personaxes; documentada con precisión incorporando termos propios dese universo –escritores como responsables das intervencións artísticas, bombardeos, tags, flopeos, potas ou pezas– e con continuas chiscadelas a obras de Roald Dahl, Neiras Vilas ou Salinger, Reo perfila a vida cotiá dun mozo de dezasete anos, que se presenta como un “rapaz de barrio. Un calquera. Un ninguén”. Un francotirador solitario que vai sorteando os riscos que esta afección artística, “con data de caducidade”, conleva, conxugándoo co seu desesperanzado día a día onde ritmos musicais como o rap ou a incomunicación xeracional na que alenta se erguen como destacados foco de interese.

        O binomio constituído por Yo conocí a Muelle de Jorge Gómez e esta entrega de Xesús Fraga parécenme do máis salientable escrito sobre a realidade do graffiti como experiencia artística.

Este artigo publicouse nas páxinas do suplemento “Fugas” de La Voz de Galicia o 26 de setembro de 2014 baixo o título de “O graffiti e a vida”.

NB. Recomendo a visita ao blog do libro premendo aquí.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: