Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

55, de Xavier Queipo

Xavier Queipo publica unha extensa compilación de prosas nas que salienta o pulo experimental e innovador que caracteriza a súa escrita

 

 

55

Narrativa * Xavier Queipo * Xerais * 320 páxinas * 20 euros

 

 

A desculpa para a publicación deste libro –o feito conxuntural dos cincuenta e cinco anos do autor- é a responsable de carrexar unha celebración literaria que permite asomarse a unha parte creativa tan substancial como outras pezas de Queipo xa publicadas ao longo do seu percorrido narrativo, ensaístico ou poético.

          55, así pois, baixo unha vontade compilatoria que rescata e presenta felizmente por xunto un corpus literario disperso aquí e acolá, incluíndo narracións que por diversas razóns ficaron fóra doutros proxectos, funciona a xeito de espello, mapa ou cartografía operativa que facilita asomarse a un palmario e transparente edificio alicerzado nuns piares sólidos que testemuñan, de seu, a heteroxeneidade estilística desde a que se construíron, a inclinación pola experimentación que os goberna e a pluralidade temática que abrazan, sempre a través de textos erixidos con solvencia, donos da acaída tensión que deles se agarda e onde en tantas ocasións, aínda, se pode gozar do inesperado. Propostas, daquela, que abalan desde aquelas nas que se aplica un espírito de xinea e estrutura máis clásica ata aqueloutras nas que o afán por procurar novos camiños se patentiza nunha ricaz mestizaxe.

       Poucos libros, coma este, articulan un compendio de singraduras narrativas plurais e poliédricas que serven para amosar “o lugar do autor no mundo”: un espazo que vai da querenza pola entomoloxía ao mundo dos apócrifos, da temática marítima a aqueles mundos recuados no tempo e distantes, talvez xeograficamente, pero próximos, moi próximos a nós, mercé a que Queipo os fai posibles e probables coa palabra.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Fugas” de La Voz de Galicia, o 3 de outubro de 2014, baixo o título de “Edificio de piares sólidos”.

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 9 Outubro 2014 por en Crítica literaria,Literatura galega,Narrativa , , , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: