Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Cuestionario Proust: Mercedes Leobalde

Mercedes Leobalde

1.– Principal trazo do seu carácter?
– É difícil. Ser avogada de preitos pobres, iso dixeron sempre meus pais. As amigas cren que o carácter pausado e transmitir seguridade. Eu non sei cal pode ser ese trazo principal, se é que o hai.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A solidariedade e a intelixencia, entendida como capacidade de comprensión.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Un intercambio. Que me queiran como son e que compartan gustosamente, non o que teñen, senón o que lles pasa e o que pensan. Se ademais diso me fan rir, serei incondicional.
4.– A súa principal eiva?
– Certa tendencia obsesiva. Ser moi metódica para algunhas cousas e terriblemente desorganizada para outras.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ultimamente, ver películas e durmir.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Poder dedicar a viaxar todo o tempo que agora dedico a traballar.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– O sufrimento das miñas fillas.
8.– Que lle gustaría ser?
– Máis despreocupada. E en canto a profesións, neurocientífica e pianista, por dicir algo.
9.– En que país desexaría vivir?
– Nun país cun respecto incuestionable por si mesmo e polos demais.
10.– A súa cor favorita?
– Tiro polos vermellos.
11. – A flor que máis lle gusta?
– As que arrecenden: gardenia, rosa, xasmín… A flor do dafne ten un aroma delicioso.
12.– O paxaro que prefire?
– Calquera. Todos voan.
13.– A súa devoción na prosa?
– Os relatos de Cortázar, os de Borges, Cunqueiro todo.
14.– E na poesía?
– Algunhas poetas nosas actuais, de Pilar Pallarés a Chus Pato pasando por tantas outras… Somos moi afortunados.
15.– Un libro?
– O que está por ler.
16.– Un heroe de ficción?
– Un heroe como tal non se me ocorre, pero sempre me gustaron as historias de Robin Hood e mais as lendas artúricas.
17.– Unha heroína?
– Pippi Langstrumpf, creo que a moitas nos marcou a infancia.
18.– A súa música favorita?
– Vai por épocas. Quizais Bach e o jazz sexan a constante, pero menos reguetón, black metal e flamenco escoito de todo.
19.– Na pintura?
– Non son entendida. Gústanme as cores do expresionismo.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Calquera muller maltratada que erga a cabeza e se enfronte. Calquera persoa que loite cunha doenza grave. As avoas e avós que estiran a pensión ata o milagre para alimentar fillos, noras e netos. Meus pais, que sacaron catro fillas adiante co soldo dun obreiro.
21.– O seu nome favorito?
– Non teño un nome favorito. Encántanme moitos topónimos nosos: Amil, Altamira, Mercuín, Nebrixe, Anceis, Crendes, A Abrigosa, Montecelo, Belvís, Altamira, Taramuño, A Atalaia, O Xirimbao… Son pura música.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A displicencia, fáiseme odiosa. A competitividade enfermiza aplicada ao cotián. Tamén me irrita a xente que pretende gobernarche a vida, mesmo se o fai desde o cariño.
23.– O que máis odia?
– O fascismo. A tortura. A crueldade cos meniños. O machismo, incluído o que se nega a si mesmo.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Hitler, seguido de cerca por Franco, Pinochet, Videla e algún máis que tamén merecería podio.
25.– Un feito militar que admire?
– Confórtame a participación do exército portugués na Revolução dos Cravos. Polo demais, non sei moito de feitos militares.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Unha voz fantástica que me permitise cantar calquera cousa. Tamén a posibilidade de desconectar de cando en vez o cerebro.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– En paz e a poder ser sen decatarme, e se non, abrazada por alguén que me queira.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Ocupada, sempre ocupada, mesmo tirada no sofá me sinto así. Non paro de barallar.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que derivan da miseria.
30.– Un lema na súa vida?
– Vive e deixa vivir.

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 10 Outubro 2014 por en Divulgación,Literatura galega , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: