Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Zapatillas rotas, de Xabier Quiroga

Poliédrica en cantos a asuntos tratados e dotada dun ritmo narrativo envexable, Zapatillas rotas constitúe unha suxestiva novela para entendermos algunas claves do noso tempo e do noso pasado inmediato.

 

 

Zapatillas rotas

NARRATIVA* Xabier Quiroga * Xerais * 400 páxinas * 21 euros

 

 

       Inevitable resulta non referirse a Zapatillas rotas como unha road movie narrativa pois é a itinerancia continua a que articula estruturalmente a novela –exemplar resulta o uso do recurso contrapuntístico, a carón do multiperspectivismo e a redución temporal–, sempre da man dun ancián que foxe do centro xeriátrico onde está internado,  algo que outorga de seu un ritmo case vertixinoso á narración, de xeito que non se dá as costas ao divertimento nin á visión crítica que aquí se destila.

          As balizas desta fuxida incorporan e recrean un repertorio moi amplo de  posibilidades argumentais, ben operativas para deliñar senllas historias de amor e outra de filiación policial; para subliñar a relevancia da memoria e a importancia tanto da súa preservación como da súa transmisión; para evidenciar o uso da violencia gratuíta e irracional contra mulleres e persoas maiores que tantas veces son símbolo do fracaso vital e, ao tempo, para espellar realidades como a vida cotiá nos centros xeriátricos ou o mundo rural de noso e a súa esmorecente vitalidade, sen esquecer deseñar con solvencia personaxes deseñados memorablemente como Pepe, Miriam, o sarxento Parga, a avoa Lola ou o propio avó Xaquín. Todo isto conducido por un rexistro lingüístico destacable –susceptible de reformulación serían, ao meu xuízo, intervencións en castelán presentes na novela–, que se adobía con moito humor e retranca, con  sarcasmo se se quere e, en ocasións, exhibindo unha vontade claramente esperpéntica. Non dubido que ben paga a pena investir tempo de lectura nesta novela de Quiroga,  que aquí busca respostas sobre a vida.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Fugas” de La Voz de Galicia, o 10 de outubro de 2014, baixo o título de “Á busca de respostas sobre a vida”.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: