1.– Principal trazo do seu carácter?
– A perseveranza.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A bondade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Nada.
4.– A súa principal eiva?
– A lentitude para a euforia.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler clásicos.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Unha nación de iguais.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder o sentido, ou a vista.
8.– Que lle gustaría ser?
– Mago profesional.
9.– En que país desexaría vivir?
– Neste, sen bispos nin franquistas.
10.– A súa cor favorita?
– O mar de Muros.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A rosa.
12.– O paxaro que prefire?
– O paporrubio.
13.– A súa devoción na prosa?
– Eça, Tolstói, Pla.
14.– E na poesía?
– Rosalía, Machado, Yeats.
15.- Un libro?
– Guerra e paz.
16.– Un heroe de ficción?
– Jim Hawkins.
17.– Unha heroína?
– Lisbeth Salander.
18.– A súa música favorita?
– Beethoven e o Alalá das Mariñas.
19.– Na pintura?
– Vermeer, Velázquez, Klee.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Mandela.
21.– O seu nome favorito?
– Atlántico.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A petulancia.
23.– O que máis odia?
– O autoodio dos nosos.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Franco.
25.– Un feito militar que admire?
– A batalla de Stalingrado.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O sentido da música.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Durmindo, sen dar traballo.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Entre a terra e o ceo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que nacen do asombro.
30.– Un lema na súa vida?
– ¡Ollo á boia!
* Non adoito acompañar de nota ningunha estes Cuestionarios Proust que constitúen xa, dalgún xeito, unha das marcas de identidade deste blog. Mais este que responde Luís Rei si a precisa pois o escritor e xornalista publicou, en 1990 e nas Ediciós do Castro, un libro titulado Oficio de escribir -libro ao que eu volvo con certa frecuencia- onde reproducía un total de doce entrevistas realizadas a personaxes de relevancia por volta da metade dos anos oitenta e que tiveron a súa orixe nas súas colaboracións nun xornal. Luís Rei tivo a feliz idea de concluír cada entrevista cun “Cuestionario Proust” que, coa súa autorización, irei reproducindo neste blog naqueles casos de autores xa falecidos como son Paz Andrade, Ánxel Fole, Figueira Valverde, Carvalho Calero, Fernández del Riego, Eduardo Moreiras, Ramón Piñeiro, Uxío Novoneyra e Carlos Casares, que xunto con Alfredo Conde, Méndez Ferrín e Neira Vilas completaban a ducia de entrevistados. Beizón a Luís Rei pois aquel traballo e tamén pola súa xenerosidade con este blog.
1 Comment
Os comentarios están pechados.