Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Un matrimonio provinciano, da Marquesa Colombi

Marquesa Colombi

Un matrimonio provinciano (tradución de Isabel Soto)

Hugin e Munin, 104 paxinas, 12 €

 

Non me ocupo con asiduidade nin como sería de xustiza das traducións que diversos selos editoriais galegos van ofrecendo, case diría que heroicamente. Nesta ocasión a fin de semana acompañoume este libro da Marquesa Colombi que, titulado Un matrimonio provinciano, traduciu esplendidamente para o galego Isabel Soto no selo Hugin e Munin.

     Confeso que descoñecía a existencia tanto da autora como da propia obra e, se teño que facer un balance do tempo investido na lectura, non dubidaría en afirmar que me resultou ben proveitoso. A figura de Maria Antonietta Torriani, quen se agocha tras o pseudónimo de Marquesa Colombi, pareceume  interesante  pois actualiza e difunde unha voz pioneira no ámbito do movemento feminista italiano e europeo como demostra boa parte da súa obra literaria e que fose unha das primeiras mulleres colaboradoras en Il Corriere della Sera.

     Fóra de cuestións estritamente biográficas -sen esquecer que a publicación orixinal da novela se sitúa no ano 1885, isto é só cinco anos despois das Follas novas rosaliana-, resulta curioso e significativo que fose Italo Calvino quen, xunto con Natalia Ginzburg recuperase este título para Eunaidi no ano 1973. Sen dúbida algo viron nel e talvez as cousas vaian por tanto por cuestións literarias -a novela está escrita con excelencia e inequívoca frescura, sendo meritoria esa oposición latente entre os espazos domésticos e os espazos imaxinarios e devecidos que no libro se formula- como por aspectos de carácter ideolóxico que se traslocen na novela, isto é, como a través dun discurso posto en boca dunha muller -Denza Dellara- cuxa única expectativa vital é a de casar para fuxir do aborrecemento, derívase, sen explicitala, a urxencia de instaurar un cambio de rumbo tanto no que atinxe á educación das persoas e dunha sociedade alleada para á que o matrimonio é o único horizonte vital como na necesidade de romper moldes e esquemas tradicionais e patriarcais, sobre todo nun espazo de evidente atmosfera rural como era a Novara piamontesa e nun tempo como o da metade do século XIX.

      Non deixo de observar a absoluta pertinencia da publicación deste título entre nós: tan operativo para dialogar con obras do noso sistema literario como por descubrir, cando menos no meu caso, unha autora que fai pensar en cuestións sen dúbida moi relevantes, e con extraordinaria sutileza, suxerindo evidencias con elegancia e, ao tempo, con rotundidade.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: