Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Cuestionario Proust: Carlos Callón

Carlos Callón

1.– Principal trazo do seu carácter?

– Sempre é difícil responder estas cousas. Supoño que certo optimismo que tenta estar advertido.

2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?

– Como universal, a cordialidade. Canto máis próximas as persoas, máis agradezo tamén a honestidade.

3.– Que agarda das súas amizades?

– Das amigas e dos amigos, comprensión, apoio (aínda que sexa crítico) e confianza. Das amizades, a cordialidade xa dita e algo de compañía mutua.

4.– A súa principal eiva?

– Seica dicía Cunqueiro que os galegos temos un sentido árabe do tempo.

5.– A súa ocupación favorita?

– Entusiásmanme os pequenos traballos intelectuais en que a curiosidade carbura a plena potencia. Ademais, gusto de lle dar á cabeza por volta da intervención social nas causas en que estou máis implicado.

6.– O seu ideal de felicidade?

– Desentronar a felicidade como ideal e orientarme polo desexo.

7.– Cal sería a súa maior desgraza?

– Non poder buscarlle un sentido á vida. Por exemplo, pola perda das persoas que amo.

8.– Que lle gustaría ser?

– Chegar de pleno ás miñas vocacións sería abondo.

9.– En que país desexaría vivir?

Neste, con mellores condicións. Gusto tamén da idea de pasar un tempiño de xeito en varios lugares de Francia e Italia, porén regresando aquí.

10.– A súa cor favorita?

– Talvez a verde clara.

11.– A flor que máis lle gusta?

– Os campos de chuchameles son tan evocadores!

12.– O paxaro que prefire?

– Estou entre os periquitos e as píllaras.

13.– A súa devoción na prosa?

Castelao, Cunqueiro, Marguerite Yourcenar, Borges, Pascal Quignard, Antón Lopo… Se hai que escoller un nome, hoxe diría… Cunqueiro.

14.– E na poesía?

– Lupe Gómez, Benedetti, Pilar Pallarés, Yolanda Castaño, Rosalía, Pessoa, o trobadorismo galego, Fermín Bouza Brey… Non, non podo escoller un. Xa bastante é non pasarme citando, he he he.

15.- Un libro?

– O que máis veces lin e relín desde a puberdade até hoxe é Follas novas. Un clásico dos que palpitan, aínda que hai quen o preferiría momificado.

16.– Un heroe de ficción?

– Estou entre o magnífico Hadriano que nos retrata Yourcenar e o Neville Longbottom da saga de Harry Potter (defendo que el debería ser o verdadeiro protagonista).

17.– Unha heroína?

Tamén estou entre dúas respostas: ou a viúva do Eleuterio das Cousas de Castelao ou calquera das mulleres afoutas a quen dá voz Rosalía.

18.– A súa música favorita?

No meu carro os que máis están a soar nos últimos meses son Stromae, Caxade e Els Amics de les Arts. Miña nai dicía de min de pequeno: “a Carlos na música gústalle de todo”. Pois iso.

19.– Na pintura?

– Atrápame “O neno das piñas” de Castelao e podo pasar horas mirando reproducións de miniaturas medievais.

20.– Un heroe ou heroína na vida real?

– Daniel Castelao. O seu papel no exilio para que permanecesen vivas as reivindicacións nacionais galegas –non só fronte á destrución fascista, senón tamén ante a incomprensión e os paus nas rodas do republicanismo español e do piñeirismo– é un testemuño que nunca deberiamos esquecer.

21.– O seu nome favorito?

– Éme moi difícil seleccionar un. Vénme á cabeza o hipocorístico Porfica, que era como lle chamaban a unha das avoas da miña queridísima avoa Pepa (ou sexa, que era miña tataravoa). Porfica fai serie con moitos nomes familiares de noso que non deberían esmorecer, como Lela, Carmucha, Mingos, etc.

22.– Que hábito alleo non soporta?

Supoño que, coma todos, aqueles en que vexo reflectido algo de min que me desagrada. Por dicir algo en que claramente non estou metido: non aturo a xente que fai ruído no cinema.

23.– O que máis odia?

– A crueldade.

24.– A figura histórica que máis despreza?

– Moitas do pasado e do presente. Polas súas fondas ramificacións nos nosos días direi o repugnante nome de Francisco Franco Bahamonde.

25.– Un feito militar que admire?

– A perseveranza da guerrilla galega, que batallou contra o franquismo canto puido, mais sen ter o apoio exterior con que contaron as resistencias antifascistas doutros países.

26.– Que don natural lle gustaría ter?

– O canto, mais acaparou miña irmá toda a capacidade melódica da familia, e o do debuxo, mais iso repartírono entre todos os meus irmáns precedentes.

27.– De que maneira lle gustaría morrer?

– Como Emiel Pauwels: con 95 anos, preparado para recibir a eutanasia após darlle á champaña coa xente que amo. Supoño que hai niso tamén algo da ansia de Hadriano: saber despedirse, entrar na morte cos ollos abertos.

28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?

– Talvez enérxico.

29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?

– Remítome á resposta vinte e dúas e doulle a volta. Por continuar no mesmo exemplo, son indulxente coa xente que por fin para e che deixa ver o resto do filme en paz.

30.– Un lema na súa vida?

– A frase de Lacan que máis ecoa en min nos últimos tempos é que un só pode sentirse culpábel de traizoar o seu desexo. Se se matinar algo nela, verase que hai aí un compromiso ético que se alicerza no individual mais que o trascende.

Advertisements

Un comentario en “Cuestionario Proust: Carlos Callón

  1. Pingback: Raras miniaturas medievais | CADERNO DA CRÍTICA

Os comentarios están pechados.

Información

Esta entrada foi publicada o 21 Outubro 2014 por en Divulgación,Literatura galega , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: