Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Sabes que mamá quería ser bailarina, de Miguel Sande

Nun xénero que hoxe en día transita por vieiros menesterosos, Miguel Sande recupera e actualiza unha peza teatral que resulta tan innovadora como cando se publicou por vez primeira, hai xa trinta anos.

 

Sabes que mamá quería ser bailarina

TEATRO * Miguel Sande * Toxosoutos * 70 páxinas * 10 euros

 

O xornalista Miguel Sande, se cadra máis coñecido arestora tanto pola súa obra narrativa –autor neste xénero de Se algún día esta muller morta, premio Repsol no seu día e de A vida fóra– como polos seus libros de poesía e algunhas achegas ensaísticas, amosa ao mesmo tempo un longo percorrido como dramaturgo. Xustamente é neste campo onde arestora ofrece unha versión actualizada e reescrita de Á alba pide comigo vivir, obra galardoada en 1984 polo Ministerio de Cultura e publicada un ano despois polo Servizo de Publicacións da Xunta de Galicia; traducida ao castelán algún tempo despois e incluída noutro libro do autor titulado Elas que din.

         Longo e celmoso, así pois, resulta o percorrido ecdótico desta peza teatral que, ao meu ver, aínda sorprende pola vontade innovadora e heterodoxa que a domina, como se encarga de subliñar o director da ESAD, Manuel F. Vieites, prologuista do libro.

       En efecto, cunha perspectiva singular, a peza incorpora e dialoga con elementos de filiación poética e narrativa, recreando a atmosfera e os sentimentos que asolagan a existencia dunha moza universitaria que, ao cursar o seu derradeiro ano de carreira, queda embarazada sentíndose obrigada, mentres fóra do seu cuarto resoan os ecos das festas compostelás da Ascensión, a tomar unha decisión que, dun ou doutro xeito, cambiará a súa vida. O dilema, como a propia peza en si, non perdeu nin un chisco a súa actualidade e a formulación literaria baixo a que se presenta segue a camiñar por vieiros queridos ao autor como son o sincretismo, a brevidade e a concisión expresiva: palabras como animais feridos pugnando por suxerir máis que por contar.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Fugas”, de La Voz de Galicia,  baixo o título de “Palabras como animais feridos”, o 17 de outubro de 2014.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: