– ¿O principal rasgo do seu carácter?
–Teimoso, esperanzado. “Futurizo”. (Advírtolle que fío pouco desta resposta dadas de sócato. Pouco despois pode un dar outras, mellorándoas.)
– ¿A cualidade que prefire nun home?
-A sinceridade.
– ¿A cualidade que prefire nunha muller?
– A mesma.
-¿O que máis aprecia nos seus amigos?
– Unha lealtade sen gabanceiras chufonerías.
– ¿O seu principal defecto?
– Ser faladeiro de máis, crearme deberes sen medi-lo tempo.
– ¿A súa ocupación favorita?
-Escribir, instalar, viaxar, escoitar música…, tantas.
– ¿O soño de ventura?
-“Durmir na man de Deus eternamente”.
– ¿Cal sería a súa maior desgracia?
– Perde-la fe.
– ¿Que quixera ser?
– O que fun e son, mellorando a laboría.
– ¿En que país desexaría vivir?
– No meu.
– ¿A color que prefire?
-O azul. E tamén a gama dos grises leves.
– ¿A flor que prefire?
– A rosa. A camelia. As `floriñas dos toxos´.
– ¿O paxaro que prefire?
– O reiseñor.
– ¿Os seus autores favoritos en prosa?
– O do libro de Xob. Froissart, Frai Luis de León, Cervantes, Ortega, Valle Inclán, Cunqueiro…
– ¿Os seus poetas preferidos?
– Virxilio, Mendinho, Camões, Rosalía, Maragall. ¡Eu que sei!
– ¿Os seus heroes de ficción?
– Eneas, Quixote-Sancho, Sexismundo.
– ¿As súas heroínas favoritas de ficción?
– Antígona, Beatrice, Dulcinea.
– ¿Os seus compositores preferidos?
– Victoria, Lasso, Bach, Shubert, Mahler.
– ¿Os seus pintores predilectos?
– Van Eick, Leonardo, Goya, Picasso. E moitos galegos de agora.
– ¿Os seus heroes da vida real?
– Paulo de Tarso, Francisco de Asís, Gandhi. E cantos souberon vivir ou morrer por un mundo mellor.
– ¿As súas heroínas históricas?
-Isabel de Hungría, Catarina de Siena, Madame Curie, Teresa de Calcuta e a súa Patroa de Ávila.
– ¿Os seus nomes favoritos?
– Lembro que aló polo 1947, comentando a Valery Larbaud, publiquei unha selección. Estarían: nai, abrente, ronsel, namorar, beiramar, garrido, vóo, cotovía, meigo, rapaciña, saudade…
– ¿Que detesta máis que nada?
– A mentira, a violencia.
– ¿Que caracteres históricos desprecia máis?
– Os que trafican a costa do pobo.
– ¿Que feito militar admirou máis?
– O levantamento de Galicia contra os franceses, que os desbotou en seis meses, cando custou seis anos que saísen de España.
-¿Que reforma admira máis?
– A que significou o cristianismo.
– ¿Que dons naturais quixer ter?
– O de lenguas. O da composición natural.
–¿Cómo lle gustaría morrer?
– O víspera de perde-lo xuicio. E, como decía Castelao: na miña casa, na miña cama, coa miña familia, co crego da parroquia e cun médico que veña a contarme contiños. E non dar traballo.
– ¿Estado presente do seu espírito?
-Inquedo polos noxos que pasan. E confiado en que, como ó longo da historia, virán os tempos a mellor, aunque nós non o vexamos.
– ¿Feitos que lle inspiran máis indulxencia?
– Os que xorden dunha ignorancia ou dun erro invencibles.
– ¿O seu lema?
– “In te, anime me, tempore metior”, que é a idea de Santo Agostiño que desenvolve o `exemplum´do monxe San Ero.
—————————————————–
* Tal e como se avisara nun anterior Cuestionario comeza a reprodución dalgúns que se conteñen en Oficio de escribir (Ediciós do Castro, 1990). Creo oportuno comezar con Filgueira Valverde por mor da súa designación para protagonizar o Día das Letras 2015. O meu agradecemento a Luís Rei pola súa autorización.