PUBLÍCASE O PREMIO BLANCO AMOR 2013: UNHA NOVELA QUE TRANSITA POLOS EIDOS DO HUMOR CONSTRUÍNDO UN FRESCO DE PERSONAXES E HISTORIAS ENTRECRUZADAS CON VIDA DE SEU PROXECTADAS CARA UN TERRITORIO ÍNTIMO
O violín de Rembrandt
Jorge Llorca * Xerais * 200 páxinas * 16,65 euros
Ramón Nicolás | Jorge Llorca saltara á narrativa en lingua galega hai escaso tempo con O´salto do Can, unha novela estimable que escribía a memoria dunha xeración no mármore dunha mesa tabernaria, á que agora xunta O violín de Rembrandt, proposta que acadou a trixésima primeira edición do Premio Blanco Amor de novela longa.
Nesta ocasión aborda, a través da ficción, asuntos como son a soidade do ser humano a carón da integridade e da pertinencia de manter os principios, isto é, de ser fieis e leais a eles, ou non selo, sobre todo cando se presentan circunstancias que fan pensar nas tentacións suscitadas pola existencia de diversas pezas artísticas de valor. E faise cunha perspectiva de xinea humorística e retranqueira, en ocasións beireando o esperpento, elementos operativos para outorgar certo distanciamento cara a asuntos que, pola súa trascendencia, puidesen casar dificilmente con esa escolla. Mais o certo é que, ao meu ver, a novela vai gañando en complicidade conforme se avanza polas súas páxinas, se cadra polo ritmo fluído que atesoura e que se fai acompañar por innumerables referencias musicais e artísticas; se cadra por estar situada nunhas coordinadas temporais concretas como son as que van de finais dos anos setenta e comezos dos oitenta, época respecto da que se erixe un fresco de transparente e indubidable valor sociolóxico.
Como a primeira entrega do autor, esta resulta -e permítanme o exercicio de taxonomía ben pouco ortodoxo- moi ferrolá. Ferrolá en canto expresións e xiros lingüísticos; en canto atmosferas, territorios e personaxes, claro é, sobre os que se sustentan boa parte dos seus acertos.
Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 24 de outubro de 2014, baixo o título de “Integridade e soidade desde o humor”.