Unha amiga agasalloume o Calendario Xerais 2015 que se dedica este ano ao fotógrafo José Suárez cuxo traballo exerce en quen o visiona aínda hoxe un enigmático atractivo fóra de todo tempo. A escolla realizada por Celia Torres paréceme extraordinariamente suxestiva, antologando con tino algunhas das fotografías que Súarez levou a cabo en diversos espazos da península do Morrazo en 1935 constituíndo, segundo os especialistas, un traballo previo requirido para a película Mariñeiros, que se rematou no exilio e que nunca se puido ver en Galicia.
Prologado por senllos e clarificadores textos a cargo de Xosé Luís Suárez Canal e Domingo García Sabell, precisos para coñecer con solvencia o traballo e a figura de Súarez, cada una das fotografías dialoga cun pequeno texto literario a cargo dun par de voces clásicas como son Eduardo Blanco-Amor e Lorenzo Varela e outras contemporáneas da man de Ledicia Costas, Rosa Aneiros, Marcos Calveiro, Berta Dávila, X.H. Rivadulla Corcón, Agustín Fernández Paz, Xurxo Souto, Pedro Feijoo, María Reimóndez e Fran Alonso. Textos, todos eles, inspirados nas imaxes e que percorren un amplo abano de posibilidades que van desde o micro-relato pasando pola poesía ata aqueloutros abeirados á reflexión interpretativa.
Non dubido en cualificar a iniciativa como fermosa e orixinal. Os meus parabéns.