Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Dende o conflito, de María Reimóndez

XG00214901María Reimóndez

Dende o conflito

Xerais, Vigo, 2014, 304 páxinas,  18 €

 

      En Dende o conflito, novela merecedora do Premio Xerais de novela 2014,  María Reimóndez convida a coñecer, desde unha perspectiva confesional e próxima, o decorrer vital e  profesional que Saínza Combarro, unha xornalista de guerra, vai desvelando a través dun discurso que incide nos socalcos vitais e profesionais que a singularizan e definen como persoa. Como deriva da súa ocupación Saínza espella  cal é o seu traballo, sempre en movemento, de aquí a acolá: de Sri Lanka a Porto Príncipe, de Ruanda a Bagdad, de Addis Abbeba a Compostela, pero non o fai asepticamente pois moi ao contrario, alén dos conflitos que se dan en diversas partes do mundo, esculca nas súas causas e deseña aqueloutros que atinxen á esfera do privado e mesmo diría que, dalgún xeito, á sociedade toda.  E para avanzar na trama escóllese adoptar un equilibrio milimetrado entre o profesional e o privado, para o que axuda de xeito definitivo tanto unha acaída estrutura narrativa como o manexo  de diversos rexistros: crónica xornalística, textos desta índole doutras xornalistas,  intercambio epistolar tradicional ou na rede, fragmentos de conferencias, vivencias evocadas e transmitidas a xeito de pequenas historias, etc. Estes recursos, que outorgan viveza e axilidade á novela, resultan dous dos seus logros e obrigan a que quen se achegue a ela non pase con pés de lá polas vivencias e experiencias reflectidas senón que advirta como nelas paira sempre unha suxestión implícita para reflexionar sobre a validez, ou non, de tantos discursos, axudando a interpretalos desde outra óptica, tanto os que pertencen ao plano persoal da protagonista como, por sinalar só un exemplo, na palpable reivindicación do papel desenvolto polas correspondentes de guerra esquecidas e aquí citadas como son Sofía Casanova, Martha Gellhorn, Lara Logan ou Marie Colvin.

           Dende o conflito lese e goréntase como un libro independente do que representa a produción da escritora ata agora e non resulta difícil conxecturar que ha colmar as expectativas que nela se poidan depositar. Con todo, teño para min que gañará e renderá aínda máis a lectura, en matices e irisacións, de situármola en conexión coas diversas pezas narrativas da autora ata o presente, isto é,  se a lectora ou o lector fai memoria, lembra, le ou relé a produción narrativa de María Reimóndez desde aquela estrea que supuxo Caderno de bitácora até os máis recentes A alternativa está aquí, Volvo! O regreso de Usha ou Presente continuo. De así facelo ha decatarse de que nese todo latexa un corpus pragado de referencias que se cruzan constituíndo unha rede sutilmente construída que posibilita ir trazando o ronsel singular dunha moi suxestiva proposta creativa.

        Malia isto,  non se pense que Dende o conflito non se entende cabalmente en total inmanencia; máis ben todo o contrario pois sostense por si mesma desde calquera perspectiva que se aborde, entre outras razóns porque Reimóndez non reescribe nunca –o que sería lícito- a mesma novela, senón que une, como se sinalou, por fíos non tan invisibles unha proposta con outra. A propia autora salientaba hai pouco tempo este factor neste blog: na súa intención pairaba sempre que “cada novela sexa un mundo distinto, dende a forma de narrar ata as características das propias tramas” e engadía que lle interesaban as “fronteiras e as personaxes mediadoras”. Desde un punto de vista analítico aquí latexan, ao meu ver, dous dos elementos claves dunha novela que se integra nese raro ámbito das novelas marcadas por unha vontade de intervir no noso presente, aborda asuntos vitais e cuestiónase algúns aspectos do noso tempo desde a solvencia, mesmo engadiría que con paixón e intelixencia. Por todo iso non é difícil conxecturar que esta novela ha gozar dunha longa e celmosa andadura.

    Recomendo, finalmente, alén da súa lectura visitar a web da autora onde se atoparán contidos de interese para completar a lectura da novela.

Advertisements

Un comentario en “Dende o conflito, de María Reimóndez

  1. Pingback: Na presentación de “Dende o conflito” (Vigo): “o máis revolucionario é ser” | CADERNO DA CRÍTICA

Os comentarios están pechados.

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: