Cuestionario Proust: Afonso Eiré

Afonso Eiré

1.– Principal trazo do seu carácter?

-O ímpeto, aínda que o paso do tempo foimo amainando

2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?

-A coherencia entre o que se di e o que se fai.

3.– Que agarda das súas amizades?

-Saber que os tes aí, nada máis e nada menos.

4.– A súa principal eiva?

-Ser moi confiado.

5.– A súa ocupación favorita?

-Escribir e, para o lecer, ir de viños, que non é o mesmo que “ir beber viño”.

6.– O seu ideal de felicidade?

-Estar ao xeito cos que eu quero.

7.– Cal sería a súa maior desgraza?

-Quedar só no meu mundo.

8.– Que lle gustaría ser?

-Petrucio en Riopedroso, a miña aldea.

9.– En que país desexaría vivir?

-No meu País… coas arelas cumpridas.

10.– A súa cor favorita?

-Os verdes, teño nome para 24 deles.

11. – A flor que máis lle gusta?

-A da mazaira do inverno.

12.– O paxaro que prefire?

-A rula…, tiven unha á que lle abría a porta da xaula e, un día, non volveu.

13.– A súa devoción na prosa?

-Francisco de Quevedo, un “xornalista” cheo de humor.

14.– E na poesía?

-Manuel María, cos pés na Terra.

15.- Un libro?

-Non sería quen son se non tivese lido de rapaz o Sempre en Galiza e Memorias dun neno labrego.

16.– Un heroe de ficción?

-Balbino.

17.– Unha heroína?

-Casandra.

18.– A súa música favorita?

-A folk.

19.– Na pintura?

-Luís Seoane.

20.– Un heroe ou heroína na vida real?

-Medrei con dous: O Piloto (o guerrilleiro) e Xoán Acuña (Porteiro). Quería ser os dous.

21.– O seu nome favorito?

-Rosa.

22.– Que hábito alleo non soporta?

-A crueldade.

23.– O que máis odia?

-Se odias máncaste a ti mesmo. Aborrezo aos lambecús.

24.– A figura histórica que máis despreza?

-Francisco Franco, pois aínda padecemos os seus actos.

25.– Un feito militar que admire?

-O levantamento de Galiza contra Napoleón, foi a súa primeira derrota.

26.– Que don natural lle gustaría ter?

-Cantar.

27. – De que maneira lle gustaría morrer?

-De moi vello e logo de beber unha cunca de viño coma meu avó.

28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?

-O optimismo.

29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?

-Aqueles que son unha influencia da sociedade.

30.– Un lema na súa vida?

-Mentres loitas, vives.