Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Na presentación de “Dende o conflito” (Vigo): “o máis revolucionario é ser”

Fran Alonso, María Reimóndez e Carme Vidal (foto: Libraría Andel)

Fran Alonso, María Reimóndez e Carme Vidal (foto: Libraría Andel)

Foi, a do pasado venres, a primeira presentación pública de Dende o conflito, de María Reimóndez. Acolleuna a libraría viguesa Andel e contou co concurso de Fran Alonso e Carme Vidal, que exerceron como presentadores deste último premio Xerais. Foi un acto que valoro, pasados algún días, como toda unha festa literaria, tal e como entendo estes encontros entre as persoas que escriben e as persoas que len.

        Unha festa, pois, onde pairou con emocionada insistencia a presenza sempre garimosa, optimista e entusiasta de Begoña Caamaño, quen foi aludida con frecuencia polas tres persoas intervinientes, sempre atinada e xustamente. Fran Alonso, en representación de Xerais, foi o primeiro en citala para logo definir á autora de Dende o conflito como unha “escritora todoterreo”, revisando a práctica totalidade da súa obra e mais deténdose nalgunhas das claves deste libro, que definiu como “enchoupado de conciencia de xénero” e exposto en clave de “denuncia da cultura patriarcal”,  alén de subliñar o recoñecemento que nel repousa do papel desenvolto polas mulleres xornalistas. Alonso continuou afirmando que este título “fai aflorar o debate crítico sobre a práctica do xornalismo, formulando a necesidade de recuperalo na súa faceta máis viva e actuante, isto é, como aquel que non se homologa a ofrecer unha información precociñada”. Non esqueceu asemade revisar o sentido dos escenarios que a novela atesoura, os diversos conflitos que encerra e algún trazos que axudan a construír a protagonista da novela, sempre en loita “para ser ela mesma e non o que os demais queren impoñer”, afondando noutros motivos que aquí se reflicten como o abismo patente entre o Norte e o Sur ou o valor da lingua e das linguas, para concluír conceptuando a novela como “literatura de intervención coas virtudes da boa literatura”.

       Resultou, ao tempo, ben suxestiva a intervención de Carme Vidal que escorregou, inicialmente, pola dimensión dos afectos, facendo refencia aos trazos que, particularmente, advertía na autora desde que a coñeceu: “valentía, rebeldía e enorme capacidade de traballo”. Tras explicitar o seu encontro persoal co libro que cualificou como de “lectura intensa e gozosa”, “novela de intervención, que incomoda, pero ao tempo acolledora e por momentos emocionante”, convocou á súa propia condición de xornalista para establecer un celmoso diálogo coa autora onde se desvelaron algunhas dos elementos que moven a engrenaxe narrativa como a razón do protagonismo dunha xornalista -“operativa pola súa figura como mediadora e pola súa visión máis ampla e complexa”, segundo Reimóndez-, ao que se lle engadiu un intercambio de opinión sobre a tradición de mulleres xornalistas, a perspectiva escollida para “contar desde dentro”, a xa amentada cuestión da lingua ou as “guerras” propias de Saínza Combarro.

        Navegouse ese serán, e ben, arredor dunha novela de personaxe que abraza, e fai súa, ese sentenza de que “o máis revolucionario é ser”, como sinalou a autora para concluír unha fantástica presentación, non teño dúbida.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: