Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Olympia ring, 1934, de Xabier López López

UNHA ATRACTIVA INTRIGA DETECTIVESCA, LEVADA DA MAN DUN INTUITIVO XORNALISTA, CONDÚCENOS ATA ESA CONVULSA BARCELONA DO ANO 1934, RETRATADA SUXESTIVA E ACERTADAMENTE

 

Olympia ring, 1934

Xabier López López * Galaxia * 308 páxinas * 17 euros

 

 

Olympia ring, 1934 demostra como o xénero da novela negra pode encaixar, se se fai con sutileza, cun contexto histórico neste caso efervescente, coándose polo medio e medio as consecuencias lutuosas dun combate puxilístico –moito gustaría desta novela Bernardo Axtaga- que se ergue como motivo sobre o que avanza unha trama detectivesca que Faraldo, un xornalista “obeso e sentimental”, deberá solventar.

         Todo un acerto, ao meu ver, recuperar este personaxe que o autor ideara para A vida que nos mata (2003) polos ferrados de ironía que exhibe e mais polo enxeño e dignidade que o caracterizan ao conducirse por terreos en ocasións lamacentos e tantas veces inseguros; e facelo con axilidade, entre hipóteses e intuicións, deixando abertas as fírgoas para a sorpresa e para a complicidade. É a través dos ollos de Faraldo como se asiste ao deseño vívido das convulsións políticas e sociais que azoutan a Barcelona de 1934 coma se se tratase dun caleidoscopio que permite asomarnos ao fondo das paixóns humanas; ás xentes que poboan ás rúas daquela cidade; aos espazos das clases sociais máis favorecidas e aos dos baixos fondos; ás atmosferas puxilísticas onde non só é deporte o que se move.

       A novela, de narración lineal, cruzada por numerosas historias fragmentarias que acoden ás veces ao pasado, conta con extractos de filiación xornalística -sobre todo de crónica negra e deportiva-, con anacos de diarios, mesmo cantares de cego e outra tipoloxía textual sempre ao servizo dunha trama fluída, ás veces divertida, que conclúe cunha verosímil e ao tempo insospeitada resolución; velaí tamén un dos seus méritos pois, como diría Faraldo, “dálle que si, nada é o que parece”.

Esta reseña publicouse nas páxinas do suplemento “Fugas” de La Voz de Galicia, baixo o título de “Nada é o que parece”, o 31 de outubro de 2014.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: