
Asistín o pasado martes día 4 de novembro á primeira de Tes ata as 10, a última novela do escritor Francisco Castro na Casa do Libro viguesa que dirixe J. Carlos Febrero. Comezou o acto Víctor F. Freixanes coa alusión lóxica ao galardón que a tradución do Ulises mereceu no Premio Nacional de Tradución que organiza anualmente o Ministerio de Cultura español: un premio que a todos e todas honra, isto é, á editorial, ao traballo das tradutoras e tradutores e, sen dúbida, á propia lingua galega.
Freixanes dedicou a continuación palabras de gabanza para a obra que se presentaba. Situouna na mellor tradición de novelas de intriga ou suspense, ao tempo que salientou a súa potencial capacidade para gañar lectorado para o galego alén da atracción e o fascinio que exerceu na súa lectura particular.
Foi a profesora Inma López Silva quen ofreceu unha revisión de carácter máis analítico sobre Tes ata as 10. Algunhas das referencias que alí expuxo pasaron por subliñar o oficio do autor para “apreixar ao lector” e non só no que se refire ás técnicas literarias senón en algo que é “máis sutil: saber entretecer os fíos da trama”, de xeito que se devece por “descubrir as novidades que esta encerra”. O seu discurso abordou tamén outros asuntos como o de que a novela non renuncia ao “factor da mensaxe”, tecido con naturalidade no que considerou unha novela divertida. Tamén destacou as dimensións que posúe a temática amorosa, desmitificadora e nunca entendida como “amor romántico”; a intertextualidade presente na reinvindicación da lectura de novelas xuvenís de sempre ou a presenza da historia e do contexto social e político no que se desenvolve. Outrosí reparou nos espazos que se retratan: natural e acaidamente vigueses, para concluír suxerindo o que pode haber do autor nas páxinas nunha novela que, finalmente, adxectivou como de “vértices múltiples”.
Francisco Castro, antes de pechar o acto, centrouse na vontade explicita de reflectir neste libro, como nos anteriores, a súa propia necesidade de comunicación, ao tempo que asumía que se trataba dunha novela “moi viguesa”, estreando unha voz narrativa confesional: unha primeira persoa que encerraba moito del mesmo, que segue nesa procura teimosa de facer lectores, de reinvidicar o amor e a liberdade.
Os meus parabéns polo novo libro ao que cumprirá achegarse, claro é, en próximas datas.