Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

As ilusións estrañas, de Antón Dobao

RETORNA DOBAO Á NARRATIVA TRAS UNHA LONGA PARÉNTESE OFRECENDO UN MONLLO DE RELATOS QUE SE INTERNAN POLAS ESTREMAS FRONTEIRIZAS DO DESASOSEGO, DINAMITANDO OS CONCEPTOS DE NORMALIDADE E APARENCIA

 

As ilusións estrañas

Antón Dobao * Galaxia * 160 páxinas * 14 euros

 

 

Non é cousa doada camiñar polos vieiros do relato curto e facelo con efectividade baixo a vontade –intúo- de ofrecer algo diferente; se cadra aínda menos entre nós onde o peso da tradición neste xénero, da man de voces contemporáneas ou non, converte este exercicio creativo en todo un reto.

        Dobao, ao meu ver, consegue volver iluminar o xénero con As ilusións estrañas ao incorporar un conxunto de trece relatos ordenados por elementos máis ou menos confluentes como son o peso do azar nas vidas dos personaxes de ficción que por aquí circulan, o que nuclea o celme vivencial dos máis deles. Personaxes que, na realidade, máis que de ficción se deseñan cunha fasquía absolutamente verista transitando polo vivir cotián, malia que as conclusións e consecuencias daquilo que protagonizan e experimentan sexan, en moitas ocasións, nada predicibles, inexplicables e mesmo radical e intrepidamente sorprendentes. Un deles afirma que “o pensamento é un faiado imposible de limpar” e talvez no momento en que o faiado se remexe é cando se fan visibles, mesmo tanxibles e cobran corpo, as atmosferas oníricas, outrosí o aborrecemento e a rutina, a frustración, a incomunicación, a violencia en moitas das súas formas, o paso esgazador  do ámbito rural cara á cidade ou os rigores que o capitalismo expele na vivencia do desemprego.

     Relatos, en fin, deseñados con trazo limpo, certeiro e áxil, para afondar nas posibilidades que o ilusorio atesoura e que modifican e subverten o rutineiro, ou talvez para amosar como a vida cotiá que se experimenta sexa a que provoca esas ilusións: quen se achegue ao libro poderá descubrilo.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Fugas”, de La Voz de Galicia, o 7 de novembro de 2014, baixo o título de “As fronteiras e o desacougo”.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: