Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Manuscritos: Emma Pedreira

Retorna esta sección e faino con algunhas mostras manuscritas de Emma Pedreira. Cuestionada sobre algúns aspectos como son os de escribir a man ou respecto da súa dinámica creativa fíxome chegar este interesante texto que me permito reproducir literalmente a continuación. Abaixo incorpórase tamén unha mostra fotográfica do seus manuscritos. O meu agradecemento á poeta pola súa xenerosa colaboración con este blogue.

Teño na cabeza sempre o que dixera Virginia Woolf sobre as mulleres que escriben, que “sempre precisarán de independencia económica e un cuarto de seu” para que ninguén nin nada interfira no seu traballo. A evolución da miña técnica de escrita está plenamente vencellada a esta referencia.

         Primeiro veu o feito de escribir a man, sobre calquera papel, en folios roubados, reciclados, servilletas de bar ou cadernos, mais sempre respondendo a algo circunstancial, o momento de escribir dependía das idas e vidas en autobús, as estancias máis ou menos prolongadas en bibliotecas, aulas ou cafés, o pouco tempo dispoñible na casa familiar, as viaxes en coche recollendo paisaxes pola xanela. Sempre a man un bolígrafo, lapis, calquera instrumento de escribir e cousa para pousar o escrito inquieto.

       Coa independencia chegaron o espazo e o tempo, un lugar propio onde escribir dentro dunha rotina de horas, xa non como algo sobrevido e inspirado senón como parte dun oficio, de factura diaria e, ás veces, mecánica. Un lugar -sempre o mesmo- opaco, silencioso, frondoso de libros e referencias e onde o instrumento é xa o ordenador.

      Abandonados o lapis e a tinta polas novas tecnoloxías a escrita deixa de ser para min algo co que interrumpía a monotonía dos días, para ser algo máis compacto e severo, onde me hermetizo e non permito intromisións.

       Como digo nun poema de Casa de orfas eu non sei escribir (nin matar) máis que a man e a máquina.

Advertisements

2 comentarios en “Manuscritos: Emma Pedreira

  1. cesupas
    13 Novembro 2014

    MOOOOLAAAAA, mágoa a foto que sae borrosa, ou é intencionado???

  2. Miriam Pedreira
    14 Novembro 2014

    Eu teño un dos seus primeiros autógrafos, nunha foto de fin de curso, que parece profética a súa dedicatoria…..”para cuando mi firma valga millones”, e a verdade é que vale moito máis, cumprir os soños de pupitre, ánimo, tes todo o meu cariño.

Os comentarios están pechados.

Información

Esta entrada foi publicada o 13 Novembro 2014 por en Divulgación,Literatura galega,Poesía , , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: