Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

A vinganza do defunto, de Carlos G. Reigosa

INCÓRPORASE A UNHA DAS SERIES NEGRAS MÁIS CÉLEBRES COMO  A PROTAGONIZADA POLO DETECTIVE NIVARDO CASTRO E IDEADA POLO XORNALISTA CARLOS G. REIGOSA, UNHA NOVA E SUXESTIVA ENTREGA QUE RECREA ACONTECEMENTOS DO PASADO  QUE SE PROXECTAN, CON INDISCUTIBLE FORZA E VEROSIMILITUDE, NO PRESENTE

A vinganza do defunto

Carlos G. Reigosa * Xerais * 336 páxinas * 19 euros

Raymond Chandler dicía que “a frase con aramio de pugas, a palabra laboriosamente rara e a afectación intelectual do estilo, son todos trucos divertidos, pero inútiles”. Lembrei esta sentenza cando lía esta entrega narrativa de Carlos G. Reigosa pois talvez axude a entender algúns dos trazos que abraza A vinganza do difunto: unha novela que prescinde de trucos inútiles.

     Sometida a un modelo canónico, alén de contar  coa vantaxe de xogar con dous ben coñecidos protagonistas como son o detective Nivardo Castro e mais o xornalista Carlos Conde, perfilados como un tándem no que por riba doutras consideracións galga sempre o valor da amizade que vén de vello, serpea con habilidade polos vieiros da historia do século XX, concretamente algúns que se derivan da II Guerra Mundial e que tiveron que ver coas actividades dos nazis na cidade de Vigo.

         Un ritmo narrativo nada pousón, ben vivo e áxil, que se envolve nunha intriga inusual desde as primeiras páxinas, cunha evidente contención nas pasaxes contextuais e que discorre nunha continua deslocación xeográfica que vai do Lavadores vigués a Compostela, de Madrid a Barcelona, de Buenos Aires a Bariloche por só citar algúns espazos, entróncase cun suxestivo xogo implícito entre personaxes reais e outros de ficción e posibilita artellar unha historia talvez non unicamente sostida pola fantasía onde, ademais, hai lugar para a sorpresa e para os xiros inesperados. Particularmente gocei moito con esta lectura: prendéronme eses diálogos cos misterios que trae o pasado, eses segredos que claman por revelarse, outrosí porque reitera a visión das guerras como crueldades sen sentido.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 14 de novembro,  baixo o título de “Na pista das crueldades sen sentido”.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: