Había tres anos que Blanco-Amor falecera e, quen isto subscribe, cursaba 3º de BUP. Un profesor de literatura decidira que era tempo de acometermos a lectura d´A esmorga. Nunca llo agradecerei bastante pois a decisión xerou unha descuberta parella á que realicei dun libro que me fascinou pola modernidade técnica e estrutural que exhibía, pola introdución de asuntos para min descoñecidos, pola vontade que atesouraba de espellar realidades socialmente ocultas ou ignoradas.
Aquela lectura fíxome descubrir o que era a censura; e non me refiro á que o orixinal sufriu de maneira que se editou inicialmente en Buenos Aires ou ás podas que tivo que asumir, na súa publicación, a editorial Galaxia. Penso nunha sorprendente práctica censora que, a comezos dos oitenta, gadañou un orixinal dun compañeiro de curso en virtude da defensa e preservación duns valores que nunca cheguei a entender. As gadoupadas que unha man lle practicou a aquel exemplar, con todo, só serviron para incitar á curiosidade de quen o debía de ler pois, interesándose vivamente por coñecer os fragmentos que se lle ocultaran, concluíu que non comprendía aquela actitude duns pais, lembro a palabra exacta, “antediluvianos”.
Cada vez que releo A esmorga resúltame inevitable evocar aquel sucedido que, por outro lado, fixo agromar en min un maior interese por aquilo que a novela encerraba e que a algunhas persoas tanto preocupaba. Ao tempo, permitiume valorar os efectos perniciosos que todas as censuras que no mundo se dan poden chegar a provocar. A esmorga, hoxe un clásico, reivindica de seu e en inmanencia a liberdade de poder interpretarse como se poida, como se queira. Velaí un dos seus valores.
Este artigo publicouse nas páxinas do suplemento “Fugas”, de La Voz de Galicia, o 21 de novembro de 2014.
Os Lectores galegos en Bos.As. estudamos esta obra no ano 2009. A primeira novela galega resultoume marabillosa. Alba
pd. disculpas por mi deficiente galego
Faime moita ilusión e dáme moita alegría que me leades en Buenos Aires. Non imaxinades canto. Grazas por estardes aí e en especial a ti. Unha aperta.