A Sección de Crítica da AELG no Culturgal

A Comisión Xestora actual da Sección de Crítica da AELG, coa intención de visibilizar a súa existencia e dinamizar as súas actividades, decidiu propor un encontro onde se lles dese voz a diferentes persoas, pertencentes ou non á propia sección pero representantes da práctica da crítica literaria galega en diferentes plataformas, medios e xéneros. Culturgal, a quen lle agradecemos a  predisposición tan positiva que desde o primeiro momento prestou a esta iniciativa,  será o espazo que acollerá esta mesa redonda que contará cunha breve participación de cada unha das persoas convidadas para logo abrirse ao debate co público asistente.

        As persoas que foron convidadas a expor as súas experiencias no ámbito da crítica desde as súas particulares perspectivas, e que igualmente aceptaron con entusiasmo o convite, serán Lara Rozados -representante da plataforma dixital de crítica literaria feminista A Sega-, Montse Pena Presas -como especialista en crítica de literatura infantil e xuvenil e colaboradora no “Faro da Cultura”-, Mario Regueira -crítico literario en Sermos Galiza– e mais Roberto Pascual, como representante da crítica teatral e colaborador en numerosas revistas teatrais. Quen isto subscribe adoptará, e moi felizmente, o papel de moderador e presentador.

        Esperámosvos neste acto aberto ao diálogo e nese espazo magnífico que nos brinda o Culturgal: o Aulario, o sábado 6 de decembro, ás 17.00 horas. Todo un orgullo formarmos parte dunha programación espectacular. Moitas grazas.