NO RONSEL DAS PUBLICACIÓNS NAS QUE SE ESTABLECE UN VIZOSO DIÁLOGO ENTRE POESÍA E EXPRESIÓN PLÁSTICA CÓMPRE SITUAR ESTE CARA INVERSA: UN MAN A MAN ENTRE DOUS GRANDES POETAS, ENTRE DOUS GRANDES ARTISTAS PLÁSTICOS
CaRa inversa
POESÍA-EXPRESIÓN PLÁSTICA * Pepe Cáccamo e Baldo Ramos * Libros da Frouma * 106 páxinas * 12,50 euros
As pontes entre o literario e mais o artístico producen, en moitas ocasións, resultados pouco convencionais e percorren camiños raramente transitados que sempre é gozoso visitar. Son escasas na nosa tradición as oportunidades para asomarnos ao espazo onde a palabra habita a materia artística, pero hainas e resulta difícil que estas non posibiliten redescubrir novas perspectivas, vizosos ámbitos de reflexión que aquela conexión crea.
CaRa inversa, así pois, nace dunha dinámica que bebe dun proceso de retroalimentación: cada autor, en primeira instancia, crea vinte libros-obxecto, reproducidos no papel mercé á ollada intelixente e artística do fotógrafo Anxo Cabada; a continuación, Baldo Ramos constrúe un diálogo poético con aquelas pezas, isto é, cos poemas visuais achegados por Pepe Cáccamo; pola súa parte este último fai o mesmo cos que Ramos ofrece.
O resultado é sólido, atractivo e esixe que se gorente amodo, que se repare nas visións entrelazadas que aquí repousan, xeradas desde as instancias dun proxecto común que abraza a convicción de que o obxecto artístico é quen de contribuír a que a realidade poida ser ollada dun xeito distinto, onde o simbólico cobra un papel relevante tal e como subliña con acerto Carlos L. Bernárdez, responsable dun ensaio clarificador sobre as principais liñas de sentido do libro e que se sitúa, con bo tino, na súa metade para marcar unha fronteira que non é tal: apenas un relanzo que axuda a entender como a palabra cobra un novo sentido ao se iluminar de maneira diferente en cada poeta. Cousa é de lelo, velo e sentilo: CaRa inversa é quen de facelo posible.
Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Fugas” de La Voz de Galicia, o 21 de novembro de 2014, baixo o título de “Un libro de libros”.