Dei onte na rede con esta peza, titulada “Berce do Pedro Chosco”, interpretada maxistralmente por Mini Rivas que se acompaña neste videoclip por Begoña Riobó -no violín-, Pancho Álvarez -na viola caipira e mandolina- e mais Paulo Nogueira no pandeiro. Ao que puiden saber é este un petisco dun libro-disco con produción e dirección musical do propio Paulo Nogueira e Magoia Bodega, ilustrado por Mariona Cabassa e que publicará Kalandraka en vindeiras datas, presentándose oficialmente no xa inminente Culturgal o domingo 7 de decembro ás 11:30h.
A iniciativa de xuntar quince arrolos, recollidos da nosa tradición de cantos de berce e que son parte tan substancial do patrimonio oral e musical galego, penso que merece todo os parabéns nun ámbito no que é esencial actuar con medidas rápidas, intelixentes e, sobre todo, de calidade. Devezo xa por oír o resto de arrolos no que participan salientables profesionais da música como Sonia Lebedynski, Merchi Rodríguez (de Leilía), Pancho Álvarez, César Longa, Segundo Grandío, Begoña Riobó e Navia Rivas, ademais de Mini Rivas. Cumprirá estar atentos a este “Non hai berce coma o colo”.
PD. Dedícolle este apuntamento a Marga Romero Lorenzo.