Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

«Breviario», en Biblos. Clube de Lectores. Revista Galega de Información Literaria, nº 71 (novembro-decembro 2014)

  1.   Chega a época da publicación dos premios literarios máis relevantes do noso sistema literario. Á novela de Jorge Llorca, O violín de Rembrandt, premio Blanco Amor 2014 (Xerais) que tras unha aparencia humorística afonda en asuntos como a integridade ou a soidade do ser humano, ven a luz o Premio Merlín, que conseguiu Ledicia Costas con Escarlatina, a cociñeira defunta; O Gran Reino, de Eduardo Santiago, Premio Jules Verne e mais Dende o conflito, de María Reimóndez. Que todas elas gocen dun longo percorrido sería fantástico para este momento que vivimos.
  1. Das últimas citadas, até o de agora, só puiden ler Dende o conflito. Teño para min que Reimóndez consegue aquí acadar ese difícil punto medio entre ter moi claro o que se quere contar e facelo cunha dose de talento e emoción que non resulta difícil conxecturar que esta será unha novela que escintile e permaneza na memoria de quen a lea. Isto último, a meu entender, creo que é do mellor que se pode dicir dunha novela.
  1. O retorno de Suso de Toro con Somnámbulos, tres relatos que tratan da memoria e do pasado, creo que é unha extraordinaria noticia. Prescindir do estro creativo do escritor compostelán supoñía unha verdadeira mágoa da que moitas lectoras e lectores nos laiabamos. Tamén saúdo con satisfacción A vinganza do defunto, de Carlos G. Reigosa, pois posibilita que dous dos personaxes de ficción que máis lectores deron á literatura galega, como son o detective Nivardo Castro e mais o xornalista Carlos Conde, retornen ao primeiro plano da actualidade literaria e o fagan no medio dunha intriga ben suxestiva.
  1. Intúo, ao tempo, que dous libros publicados por Galaxia: As ilusións estrañas, de Antón Dobao e mais Olympia Ring, 1934, de Xabier López López gozarán da atención do público lector e sospeito que da acollida positiva da crítica. Relatos construídos con coidado de ourive e nos que hai aínda hai lugar para a sorpresa, os de Dobao, e unha novela milimetricamente estruturada e que abraza con convicción e interese trazos de diversos xéneros a novela do escritor betanceiro. coido que son achegas a ter moi en conta.
  2. Recibín hai algúns días un libro editado por Frank & Time que me parece extraordinario e   que  debo    salientar: trátase de Letras nómades – Experiencias da mobilidade feminina na literatura galega que incorpora estudos de Josefina Cuesta, Aurora Marco, Olivia Rodríguez, Carmen Mejía, Manuela Palacios, Mª Xesús Nogueira e Ana Acuña, quen tamén é editora do volume. Ensaios rigorosos, dotados dunha orientación que entendo novidosa entre nós e dos que moito se aprende. Recomendo a súa lectura.
  3. Unha suxestión final: existe un lectorado potencial moi relevante que segue fielmente a produción literaria dun escritor pontevedrés como é Manel Loureiro, éxito de vendas a nivel mundial coa triloxía Apocalipsis Z. Urco Editora publicou o ano pasado o primeiro volume daquela baixo o título de O comezo da fin, onde parte do seu argumento transcorre en Galicia. O mesmo selo presenta agora a seguinte entrega baixo o título d´Os días escuros, con tradución igualmente de Tomás González Ahola. Talvez poida ser conveniente sabelo.
Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: