Literarte, José Estévez (coord.)

No ámbito das auto-publicacións, sector cualitativamente en alza nos últimos tempos, sitúase este libro coordinado por José Estévez e con cuberta de Eva Xanín. Estévez, escritor e activista cultural lucense, investiu aquí tempo e esforzos para articular unha plataforma en forma de libro desde a que un nutrido grupo de persoas puidesen adquirir visibilidade e dese xeito dar a coñecer as súas propostas literarias, plásticas, visuais ou escultóricas a través da reprodución fotográfica.

    O resultado final confórmano máis de trescentas páxinas, con textos redactados en seis idiomas diferentes e provenientes de diferentes países do mundo. En Literarte a creación literaria goza dunha maior preeminencia e posibilita combinar un encontro multicultural e literario onde se amalgaman, alén de diferentes linguas, xeracións e estéticas moi diversas e mesmo xéneros desemellantes ao recoller poemas, contos, fragmentos narrativos, ensaios, etc., de diferente cualidade e intensidade. As sensibilidades aquí reflectidas, e que lle dan corpo a este volume, resultan como é lóxico, ben distintas mais todas elas se unen pola inequívoca vontade tanto de establecer elos coas lectoras e cos lectores como de gañar un oco tamén, malia ser un volume que non se distribúe nas librarías senón a través de solicitudes co coordinador, entre as posibles lecturas do noso tempo.  O éxito da proposta, seica, testemúñao a preparación dun segundo volume inspirado en idéntica dinámica que moito melloraría, ao meu ver, de contar cun tratamento tipográfico máis homoxéneo e compacto. Os meus parabéns por esta iniciativa.