Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Hostal Norte, de Xosé Duncan

Xosé Duncan

Hostal Norte

Urco Editora-Alcaian, 138 páxinas, 12 €

 

Duncan, que vén avanzando con paso firme desde as súas colaboracións con diversos relatos no proxecto “Contos estraños” e, nomeadamente, coa triloxía de fantasía épica As Crónicas de Bran, estréase en Hostal Norte como novelista abeirado ao xénero de terror.

    Ancorado este lector en propostas visitadas con devoción na adolescencia da man de Lovecraft, Poe, Leroux ou Anne Rice, e noutras máis próximas que chegaron da man dalgúns relatos do gran Xohán Casal ou de obras de Agustín Fernández Paz, Xabier P. Docampo, Jorge Emilio Bóveda ou  Ramón Caride Ogando entre outras voces, o certo é que Hostal Norte conseguiu interesarme polo xénero por diversas razóns entre as que saliento, alén da axilidade narrativa que atesoura, o feito de propor un argumento que camiña con naturalidade entre referentes veristas pero que ao tempo se entrecruza con elementos oníricos ou visións particulares que contribúen a desdebuxar os perfís, a se mover continuamente no ámbito do enigmático, o ambiguo, o desacougante e o inquedante, da dúbida continua e, en ocasións, do inesperado.

    Hostal Norte é unha proposta que esixe, desde as primeiras páxinas, unha lectura atenta e activa que compromete a ir reparando tanto nos personaxes que aparecen como nos diversos detalles que, en aparencia, adornan a narración mais que cobran un cabal, e sorprendente, sentido nas derradeiras páxinas do libro, coma se se tratase dunha secuenciación cinematográfica, unha engrenaxe que finalmente encaixa á perfección. Duncan, ao meu ver, elabora un universo moi consistente e sólido, abeirado á narrativa de terror, mais non só: hai ecos nestas páxinas da realidades tanxibles no noso tempo que van desde a violencia machista á incomunicación, desde a soidade á precariedade laboral.  A voz narradora sinala ao final respecto do protagonista que “unha porta abrírase no fondo do seu cerebro”:  tamén do que hai ou pode haber nese fondal fala este libro ao que lle desexo a mellor das sortes posibles e que se presenta mañá, ás 16:15, no Culturgal. Un libro acompañado, por certo, dunhas magníficas ilustracións de José María Picón.

Advertisements

2 comentarios en “Hostal Norte, de Xosé Duncan

  1. José María Picón
    9 Decembro 2014

    Moitas grazas polas túas palabras! 😉 Agradécense.

    • Ramón Nicolás
      9 Decembro 2014

      O agradecido son eu pola sorte de vos poder ler e admirar as ilustracións. Un pracer.

Os comentarios están pechados.

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: