Non será este comentario crítico ningún sobre o filme A esmorga, que por fin puiden ver nun cine de Vigo. Entenderíao como unha imprudencia pois os factores que cómpre valorar nunha crítica cinematográfica son desemellantes, ao meu ver, dos que se poden aplicar para unha obra literaria.
Porén non quero deixar pasar a ocasión para plasmar aquí un par de breves consideracións. A primeira, un tanto amargue, é a que se deriva dese dereito que se nos furta, e furtou porque o que pasou xa non volve, de podermos visionar cine, e non só cine galego, na nosa lingua. Sei que o asunto é complexo e non se debe simplificar pero talvez a emoción de oír aquel “unha cousa é vere e outra reparare” na voz de Miguel de Lira, gran verdade por outra parte, activou esa reflexión.
Por outro lado a película é, sen dúbida, un motivo de orgullo. Un orgullo polo fabuloso traballo actoral e de dirección e, supoño que a formación pesa no que vou dicir, tanto pola escrupulosa fidelidade á lingua que EBA espellou no seu libro como polo feito de que na película se recoñece con transparencia o espírito da obra literaria da que xorde, algo que non sempre ocorre.
É unha sorte poder gozar desta película en cines comerciais galegos: o que debería ser un acto de normalidade e non o é cómpre non desaproveitalo. Hoxe a sala, tempo despois da súa estrea, estaba ateigada o que confirma que se se ofrece calidade nun produto artístico de ocio a resposta é, indefectiblemente, positiva. Se é en galego, tamén. Grazas a quen fixeron posible este galano.