Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Á procura da poesía. Vida e obra de Luz Pozo Garza, de Aurora López e Andrés Pociña

LUZ POZO PRECISABA UN LIBRO QUE SISTEMATIZASE E HERBORIZASE A SÚA AMPLA OBRA POÉTICA E FILOLÓXICA E QUE SE ACOMPAÑASE DUN ACHEGAMENTO BIOGRÁFICO SOLVENTE: AURORA LÓPEZ E ANDRÉS POCIÑA CONSÉGUENO CON ÉXITO

 

Á procura da poesía. Vida e obra de Luz Pozo Garza

Aurora López e Andrés Pociña * Alvarellos Editora *  571 páxinas * 24 euros

 

 

Que o periplo vital de Luz Pozo Garza resulta absolutamente novelable, por intenso, particular e apaixonado, sóuboo ver ben un escritor galego hai algún tempo. Mais nesta ocasión sen ficción, parte deste meritorio libro que edita Alvarellos nun formato moi atractivo, repara xustamente naqueles ámbitos estritamente biográficos que se resolven con pertinencia e documentación, acompañándose asemade dunha escolma fotográfica de indiscutible interese, desde os esteos que salientan os seus  “máis de sesenta anos de poesía ininterrompida” que, ao xuízo dos responsables do ensaio, a sitúa como “a personalidade literaria máis admirable da Galicia do noso tempo”.

         Con todo, o groso deste ensaio constitúeo unha revisión, absolutamente concienciuda e pormenorizada, arredor xustamente da obra poética e filolóxica da autora. É precisamente neste aspecto onde o volume gaña enteiros tanto pola exhibición dun traballo persoal dos autores, moi profundo e rigoroso, que peneira datos e referencias, que afonda ou suxire lecturas e interpretacións enriquecedoras, como pola colaboración prestada pola propia autora no que se refire á redacción ad hoc de comentarios biográficos ou literarios da súa propia man e que, loxicamente, resultan moi valiosos como tamén o é a incorporación de textos poéticos inéditos, que se veñen xuntar, asemade, con outros que constitúen unha atractiva antoloxía da autora que se ofrece neste volumen. O asedio analítico realizado a cada un dos libros de poesía da autora, como tamén da obra filolóxica, resulta a todas luces unha iniciativa exemplar e, quen o dubida, moi necesaria. Parabéns.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 5 de decembro de 2014, baixo o título de “Sempre Luz”.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: