Francisco Castro deseña un sólido argumento poboado por personaxes que se entrecruzan para ofrecer unha ollada limpa ao presente e ao pasado: un e outro habitado sempre polos libros e o ronsel que estes deixan.
Francisco Castro
Tes ata as 10
Galaxia, 296 páxinas, 13,60 €
Adscrita con naturalidade a ese segmento de obras narrativas de fronteira que transitan da mocidade ao lectorado adulto e viceversa, Tes ata as 10 atesoura un gran mérito que se deriva do dinamismo do seu ritmo narrativo, o que obriga, dalgún xeito, a que igualmente o proceso de lectura deba avanzar con idéntica intensidade. E xa non só por partir dun suceso enigmático e intrigante como é a recepción dun correo electrónico enviado por alguén que fisicamente xa non está, senón que se transparenta nunhas páxinas iniciais nas que se describe, con emoción, a enxurrada de sentimentos que asolagan ao protagonista no momento do enterro de seu pai; algo, ademais, que bebe da acaída perspectiva desa voz narradora que en tantas ocasións desvela o seu propio pensamento.
Na novela hai moito máis. Castro, que define ao seu personaxe como un náufrago á procura da supervivencia, tece internamente unha proposta na que conflúen elementos propios da novela de amor, e desamor se se quere, coa de aventuras; a da investigación case policial coa da esculca nas orixes familiares, sen esquecer aludir a esteos históricos que afondan as raíces no franquismo…, todo nun espazo de fondo como é a cidade de Vigo, que cobra un protagonismo crecente e milimetricamente deseñado.
Con todo, un dos elementos máis atractivos da novela, ao meu xuízo, talvez sexa o que se suxire desde o propio título, isto é, que se trata dun libro de amor aos propios libros, onde as novelas clásicas son máis que un xogo erixíndose como un referente clave non só para resolver enigmas senón para demostrarnos a importancia que a lectura ten, en todo tempo, en todo lugar.
Esta recensión, baixo o título de “A ollada do náufrago”, publicouse nas páxinas do suplemento “Fugas”, de La Voz de Galicia, o 12 de decembro de 2014.