En outubro deste mesmo ano presentouse en sociedade o ambicioso proxecto editorial Mar Maior. Accedo agora, por xenerosidade da Editorial Galaxia e de Mar Maior, ás primeiras publicacións que constitúen os pasos iniciais deste selo que pretende proxectar, segundo fontes editoriais, parte da nosa cultura a outras linguas comezando, claro é, polo mundo do libro. Con presenza xa Bruxelas e Bos Aires e co obxectivo depositado en abrir canles de comercialización e visibilización en Montevideo, México, São Paulo e Salvador de Baia, trabállase xa nunha liña de “coedicións para o francés, alemán e inglés”.
Non dubido en cualificar como suxestivo e afouto o proxecto ao que, desde este momento, lle desexo a maior das fortunas posibles. Achegar este patrimonio propio, sobre todo o que constitúe a literatura escrita orixinalmente en lingua galega -mais tamén a doutras voces, como Cunqueiro, que alternaron o uso das dúas linguas como ferramentas creativas-, co obxectivo de visibilizarnos en diversos ámbitos e culturas supón, de seu, establecer un elo visible co pensamento dominante xa na “Época Nós”: esa liña trazada nun horizonte que pretendía percorrer camiños que axudasen a universalizar a nosa cultura. Xa só por isto entendo a iniciativa como merecente de toda gabanza e apoio.
Estas navegacións iniciais de Mar Maior, como talvez se sabe pero bo é lembralo, cobran corpo a través de nove entregas que constitúen a súa carta de presentación, neste caso, para o lectorado en castelán. Velaí, en primeira instancia, tres propostas narrativas contemporáneas de inexcusable forza e interese como son as traducións de Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello (versión de X.A. López Silva); Futuro imperfecto, de Xulia Alonso Díaz (versión da propia autora) e Circe ou o pracer do azul, de Begoña Caamaño (tradución de X.A. López Silva), ás que se unen tanto a tradución do ensaio Historia de Galicia, de Ramón Villares como unha interesante escolma de relatos de Emilia Pardo Bazán, baixo o título de El vidrio roto, en edición de J.M. González Herrán.
Os outros catro volumes que completan esta iniciativa englóbanse dentro dunha subserie que naceu ao abeiro da denominación “Biblioteca Álvaro Cunqueiro” e que achega títulos como El año del cometa, Tertulia de boticas prodigiosas y Escuela de curanderos, Flores del año mil y pico de ave e mais Vida y fugas de Fanto Fantini. A escolla do autor mindoniense non podía ser mellor, nin tampouco recuperar algunhas destas grandes obras, acompañadas duns epílogos ad hoc da man, respectivamente, de César Cunqueiro, Víctor F. Freixanes, X. A. López Silva e Carlos G. Reigosa. Parabéns pola iniciativa e moi feliz singradura.