Porque Cuqui non quere ir á lavadora, de María Lado

María Lado

Porque Cuqui non quere ir á lavadora

Apiario, s/p, 17 €

 

Estréase con este libro Apiario, un novo selo editorial,  que ademais planifica outros proxectos participativos e creativos de maneira inmediata e que vén das mans e do esforzo partillado de dúas persoas que sigo con admiración no seu percorrido creativo, basicamente poético, como son Antía Otero e Dores Tembrás. Alta sensibilidade é o que paira, por exemplo, na explicación do símbolo que lle dá nome e goberna este proxecto: “Apiario. Conxunto agrupado de colmeas. Agruparse para facer en común e construír soportes onde as abellas traballen pola non-extinción. Volver ao papel/panal. A escrita como arquitectura hexágono atenta aos materiais, ao deseño, á ilustración, ao cosido, á impresión, aos novos valores“.

        Moito disto hai, abofé, nesta primeira publicación do selo que transitará, ao que sei, por unha diversificación da súa produción editorial  no que atinxe a formatos e xéneros. A escolla dunha autora como María Lado, que se fai acompañar aquí de ilustracións creadas por  Yanina Torres Tuirán, resulta igualmente significativo pois Lado é unha creadora iconoclasta, imaxinativa e pouco convencional, trazos que transparenta neste Porque Cuqui non quere ir á lavadora: un álbum ilustrado no que todo está medido, desde o elocuente subtítulo que o acompaña: “conto moi importante para lerlles aos maiores antes de durmir” ata o feito de abrazar unha vontade activa e participativa para percorrer o camiño inverso ao habitual, para que o exercicio da lectura se retroalimente, sen negar por iso outras posibilidades máis canónicas; para que, en fin, se potencie a reflexión, tamén o divertimento,  sobre como poden ser as cousas segundo a perspectiva que se adopte.

       Fóra da anécdota que activa o argumento -algo sinxelo que quen son pais e nais sabemos que tantas veces ocorre ou ocorreu- repousa no seu desenvolvemento unha gran metáfora sobre o que non se desexaría que lle pasase a ninguén -neste caso á figura materna-, desde eses ollos dun personaxe que deita a súa ollada inocente mais tamén enxeñosa e que, no fondo, do que quere falar  é do amor. Ademais, un acerto que converte o libro nun obxecto que vai a máis da lectura, é a posibilidade lúdica que encerra e que convido a coñecer, tanto co libro na man como nalgunha das  presentacións que se realizarán estes días polo país adiante como a da libraría viguesa Andel, o 27 deste mes ás 12 da mañá.

      Parabéns á autora e ilustradora. Parabéns tamén polo novo proxecto editorial a Antía Otero e Dores Tembrás e moita sorte neste camiño.

2 Comments

  1. Ramón Nicolás, estou surpresa e feliz ao mesmo tempo ao ver tantos lançamentos de livros em galego. Na década de 90, quando fui contemplada com uma ‘beca’ na R.U.Monte da Condesa, ‘Beca de Biblioteca’, tenho certeza de que não havia esta quantidade de livros em galego ao alcance dos jovens universitários. Isto me faz pensar que o galego está mais vivo agora do que há vinte anos atrás, com o surgimento constante de jovens literatos, novas obras e também mais investimentos financeiros no setor. Será que estou certa? Se assim for, me alegrarei muito. O que me diz?

    1. Hai moitos máis libros, e moita máis presenza de actividades culturais, que aquilo que recollo no blogue, iso tan só é unha parte. Malia o que poida parecer investimentos hai poucos, o que si hai é moita xente traballando con moita vontade e con moito talento, e de aí os resultados. Saúdos.

Os comentarios están pechados.