Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

As señoras cousas, de Helena Villar Janeiro

9788498655292Helena Villar Janeiro

As señoras cousas

Editorial Galaxia, 52 páxinas,  7,90  €

 

Conclúe o ano, ou vai camiño de concluír, e non quixera rematalo sen rescatar para este blogue os apuntamentos de lectura que realizara hai algúns meses sobre un libriño, pequeno en tamaño mais grande no que aos contidos que inclúe e a intención que o guía; igualmente grande por vir da man dunha autora como Helena Villar Janeiro, a quen estimo literariamente polas súas diversas  facetas creativas, onde ocupa un espazo non menor o seu labor desenvolto no eido das propostas para quen se inicia ou dá os seus primeiros pasos pola lectura.

      Só por esta última razón, isto é, por ofrecer un mangado de textos gorentosos e suxestivos, xa sería de agradecer este As señoras cousas, pero aínda o é máis porque a autora volver transitar por un xénero que particularmente me semella especialmente complexo e que non está ao alcance de calquera como é a poesía infantil. Así pois, poesía infantil de calidade, abofé, é que se encontra neste volume, tan preciso nestes momentos para as nosas nenas e nenos visto como van as  propias cousas. Preciso e dotado de garantías pois a través das súas páxinas Villar Janeiro deseña un universo con sutileza desde a instancia da autoridade que o estro creativo outorga  para ir nomeando as cousas, para ir nomeando os sentimentos e a propia vida, cando menos aquela que se sitúa máis perto dunha nena ou dun neno. Estes, coma un lectorado adulto tamén, han ler os poemas e descubrir ou redescubrir as claves da vida  cotiá que repousa nos propios libros, na primavera; no sol, nas estrelas ou na lúa; na andoriña e na curuxa, nos elementos da natureza que se personifican e que se poñen ao servizo, sempre, da propia imaxinación lectora.

      Outórgalle a autora aos seus versos un ritmo extraordinario que converten a tantos poemas en canción, sen música que os acompañe porque esta xa vai incluída. Non quero deixar tampouco de referirme nin aos relampos irónicos tan acaídos, nin á coidadosa escolla léxica que se recolle neste libro onde atopamos termos que posúen, de seu, evocacións intensas como son muxicas, lileiras, ligzairo, cadeliñas de frade…, nin, por último, deixar de salientar dous poemas como son “Bonecas xuntas” -esa fermoso diálogo co “Irmao” de Celso Emilio Ferreiro que tanto me gustou- ou o marabilloso “Mambrú non vai á guerra”, polo seu contido, abofé que si. Moitos parabéns por esta achega, acompañada polo trazo colorista e fantástico de Mª Fe Quesada.

Advertisements

3 comentarios en “As señoras cousas, de Helena Villar Janeiro

  1. MariaLDário
    18 Decembro 2014

    Que surpresa boa, Ramón Nicolás. Há anos conheço a Profa. Helena Villar Janeiro e seus escritos: os aprecio e a estimo muito. Meus cumprimentos por mais esta página do seu blogue. Um abraço fraterno!

    • Ramón Nicolás
      18 Decembro 2014

      Obrigadíssimo,MariaLDário. Este libro de Helena supón unha grande achega no seu xénero. Aperta!

  2. MariaLDário
    18 Decembro 2014

    Reblogged this on MariaLDario's Blog and commented:
    Filosofia da Arte
    Poesia Galega

Os comentarios están pechados.

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: