Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Cuestionario Proust: Xosé Duncan

Xosé Duncan

1.– Principal trazo do seu carácter?
-Visceral e polo tanto, moitas veces, irracional.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-A honestidade. Prefiro aprender a amar o lixo, se este paga a pena, que enganarme coa fantasía dunha fachada falsa.
3.– Que agarda das súas amizades?
-Fidelidade e, por desgraza para elas, que saiban aturarme.
4.– A súa principal eiva?
-Mal carácter que, ademais, prende rapidamente.
5.– A súa ocupación favorita?
-Mergullarme no meu propio mundo e, cando canso de estar nel, procurar que o real me resulte algo máis levadeiro estando preto dos que me queren.
6.– O seu ideal de felicidade?
-Que me toque a lotaría e poder adicar o meu tempo ás miñas ocupacións favoritas.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-Que as cousas nunca cambiasen, que o ser humano continuase a ser un rabaño dócil, acomodado e guiado polos que posúen un ben tan abstracto e controlable como é o diñeiro.
8.– Que lle gustaría ser?
-Rico e feliz ou feliz e rico.
9.– En que país desexaría vivir?
-Na Galiza se outra Galiza fose posible.
10.– A súa cor favorita?
-Negro
11. – A flor que máis lle gusta?
-O certo é que non son moito de flores (só as uso de agasallo cando sei que van gustar). Prefiro as árbores e as sensacións que son capaces de transmitir cando te perdes no interior dunha fraga.
12.– O paxaro que prefire?
-O corvo.
13.– A súa devoción na prosa?
-Teño varios autores que me marcaron de rapaz e que aínda hoxe admiro por riba dos demais. Poe, Stevenson, Maurice Leblanc e H.G.Wells.
14.– E na poesía?
-Como nas flores, non teño a capacidade de apreciar a súa fermosura mais, nos escasos contactos que tiven con ela, sorprendéronme os meus amigos Marisol Gándara e Juan Carballo. A unha, pola fermosura coa que é quen de narrar a dureza dos seus textos e, o outro, polo ton ‘macarra’ e canalla co que fala do cotiá.
15.- Un libro?
Crónicas Marcianas de Ray Bradbury
16.– Un heroe de ficción?
-Teño dous aos que adoro por igual: o Joker e Long John Silver. Non me van demasiado os heroes perfectos.
17.– Unha heroína?
-Miss Marple
18.– A súa música favorita?
-Supoño que, maioritariamente, aquela que me fai sentir emocións máis intensas. Desde o heavy metal até a música clásica. Podería destacar algúns grupos grunge dos 90, case todo o jazz dos 50-60 e, por suposto, Beethoven, Wagner e Mozart.
19.– Na pintura?
-O impresionismo, sobre todo Sisley, e o postimpresionismo.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-Lamentablemente, penso que non hai ninguén que dea a talla como para ser un heroe hoxe en día, que poida ser un líder no camiño do cambio, da evolución social. É obvio que poderiamos considerar heroes e heroínas a todos aqueles que se erguen cada mañá coa única motivación de sacar adiante ás súas familias, loitando contra todas as trampas e impedimentos que lles pon a sociedade actual.
21.– O seu nome favorito?
-Bran.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-A mentira.
23.– O que máis odia?
-A prepotencia.
24.– A figura histórica que máis despreza?
-Os Reis Católicos (e todos os reis, en xeral)
25.– Un feito militar que admire?
-Odio todo canto teña que ver co militar.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-Paciencia
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
-Non soporto a idea de morrer. De feito é algo que me atormenta desde a miña mocidade. Non creo en outra vida despois de esta e, polo tanto, non me gustaría morrer de ningún xeito.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-Alterno, a partes iguais, entre a euforia e a depresión.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-Aqueles que veñen dados por actos de boa fe. Penso que todo o mundo ten dereito a se equivocar pero non son indulxente coa maldade.
30.– Un lema na súa vida?
-Vive hoxe como se non foses vivir mañá.

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 18 Decembro 2014 por en Divulgación,Literatura galega , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: