Máscaras rotas para Sebastian Nell
Galaxia, Vigo, 404 páxinas, 20 €
GALARDOADA NA ÚLTIMA EDICIÓN DO PREMIO GARCÍA BARROS, ESTA NOVELA SITÚA AO SEU AUTOR, POR DEREITO PROPIO, NUN SALIENTABLE LUGAR NA NARRATIVA GALEGA CONTEMPORÁNEA
Talvez o percorrido como narrador que exhíbe Alberto Ramos ata aquí, de mans dadas coas ferramentas que a súa profesión de xornalista lle ofrece, determinaron que tivese que escribir Máscaras rotas para Sebastian Nell: un texto dono dunha estrutura milimetricamente estudada, ao servizo da fluidez narrativa e poliédrico en canto a asuntos tratados, se cadra porque gran parte del se encadra no que, desde a ficción, se podería considerar unha biografía conversacional.
Este encadramento xenérico, alicerzado documentalmente con brillantez, alimenta de seu os perfís da persoa entrevistada, un actor chamado Sebastian Nell, e os da entrevistadora: unha redactora de The Guardian chamada Rebecca Graham. As palabras cruzadas, as historias que estas agochan e que retratan ás dúas persoas resultan, para quen se achegue a este tour de force, apaixonantes e asumen, ademais, o rexistro expresivo que se agarda. O aguillón e o carácter agre do actor -elitista, homófobo, soberbio e instalado no “veneno das palabras”- escintila con forza propia, mais tamén a afouteza, o estoicismo e a dignidade da xornalista, que se defende con brillantez da treboada que lle cae enriba porque ama a súa profesión. Rebecca e Sebastian desvelan os xogos de sombras que ten o ouropel da sociedade do espectáculo, máis tamén afondan nas contradiccións da propia condición humana: os temores e anceios, os fracasos e éxitos que a vida encerra. Nell di que a conversa que manteñen beirea o que unha novela é: “ambición, enfermidade, soidade, adiccións, morte, dor, intrigas familiares, infancia atormentada… Mesmo unha guerra!”. Material, todo el, ben contado e que constrúe unha gran novela.
Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Fugas”, de La Voz de Galicia, o 19 de decembro de 2014, baixo o título de “Nell, no derradeiro escenario”.