O espírito de “A guerra acabou”

No Nadal de 1971 John Lennon e Yoko Ono popularizaron aquela célebre sentenza de “War is Over (If You Want It)” en plena guerra do Vietnam alentando o necesario espírito pacifista. Algo semellante, sen tanta parafernalia mediática, fixera por exemplo o noso Uxío Novoneyra, xa en 1967, co “Vietnam canto“. Na rede hai un sitio no se evoca aquela iniciativa de Lennon e Ono, e reproduzo abaixo un vídeo que recomendo visionar, sobre todo desde o minuto seis

       Pasaron máis de catro décadas e os focos de tensión bélica internacional seguen activos, a carón doutros igualmente magoantes como os asasinatos derivados da  violencia machista ou os que chegan pola virulencia coa que se aplican políticas restritivas e insolidarias, sobre todo evidentes na crecente pobreza infantil. Nestes días atrévome, supoño que utopicamente, a reclamar a vixencia dese espírito que encerra “A guerra acabou”, cando aquela guerra aínda non acabara. Un desexo  que non está rifado co das precisas doses de rebeldía, abofé, pois a sentenza de Lennon e Ono é ambigua de seu; é igualmente operativa para o individual e o colectivo. Con todo, e cos meus afectos, como dicía un profesor meu, que teñades un feliz solsticio de inverno todas as persoas que vos pasades por aquí.

3 Comments

Os comentarios están pechados.