O crime de Pardesoa
Morgante, col. Cerdedo in the Voyager, Cangas do Morrazo, 2013, 206 páxinas, 17 €
Atopo este volume na miña biblioteca, publicado hai algún tempo, mais o certo é que me resulta operativo para salientar, aínda que sexa brevemente, a existencia dunha colección baixo o título “Cerdedo in the Voyager”, acollida en Edicións Morgante, que a todas luces supón un proxecto singular e mesmo diría que exemplarizante no que atinxe ás posibilidades que divulgativas que encerra, de existiren -claro é- persoas voluntariosas como Calros Solla que levan a cabo iniciativas deste xorne en base á riqueza, só hai que saber buscala, que desde diversas perspectivas atesouran territorios ou comarcas de noso, proxectando así a inxección das necesarias doses de orgullo polo propio que estes traballos, sen dúbida, provocan.
A devandita colección conseguiu acadar, en poucos anos, un total de trece publicacións que abordan as especificidades da Terra de Cerdedo desde diversos ángulos. Velaí como se asedian, mercé estes libros, realidades de carácter (intra)histórico, cultural, antropolóxico, arqueolóxico ou mitolóxico, a carón de ensaios centrados, por exemplo, nos atentados sufridos na súa cerna xeográfica como os que se operaron contra o Monte do Seixo; sen esquecer analizar movementos políticos e sociais como o agrarismo; estudar o chamado “vervo xido”, isto é, a fala secreta dos construtores; recoller a presenza de Cerdedo na obra do Padre Sarmiento, que naceu no pazo das Raposeiras de Meilide (freguesía de San Xoán de Cerdedo) ou ese libro dedicado a Manuela de Barro e ao milleiro de coplas populares que esta persoa conservou e transmitiu.
Mais arriba aludía a outro volume, que se insire nesta serie: O crime de Pardesoa: un completo rastrexo e transcrición das noticias que apareceron en diversos medios de comunicación facéndose eco da morte violenta de Xoán Rei Prado e o ataque sufrido á súa muller, Perfecta Espiña Arén, producido na casa do matrimonio que se situaba na freguesía de Pardesoa, concello de Forcarei, en novembro de 1897. Calros Solla, alén de recoller todo o corpus xornalístico coñecido, sistematiza e ordena nas páxinas limiares toda esta información que pasa polas denominacións que recibiu o caso, o escenario no que se produciu, o botín obtido, os participantes no proceso xudicial posterior, as persoas acusadas e a pena á que foron sometidas, entre outros elementos. O propio Solla apunta que neste affaire “as sombras devoraron as luces: ambigüidade, hermetismo, opacidade…” e mesmo que con todo este material ben se podería crear unha moi suxestiva novela negra. Oxalá así sexa no futuro: a información, ese gran esforzo compilador, está xa aí e cómpre agradecelo.