Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Non hai berce coma o colo, de Paulo Nogueira e Magoia Bodega

Paulo Nogueira e Magoia Bodega (proxecto)

Non hai berce coma o colo (ilustracións Mariona Cabassa)

Kalandraka, Pontevedra, 46 páxinas + cd, 20 €

Hai cousa dun mes dera conta deste proxecto ao fío de atopar un vídeo cunha interpretación fabulosa de Mini Rivas da cantiga “Berce do Pedro Chosco”. Estes días puiden gorentar con máis vagar a publicación e mais escoitar as pezas que se incorporan no cedé anexo e o certo é que se trata, a meu entender, dunha máis que reseñable achega para o ámbito da recuperación e divulgación desta parte do noso patrimonio cultural e musical como é a  tradición da cantiga de berce (síntese de “gran parte da idiosincrasia dun pobo e do seu xeito de cantar”, tal e como sinalan xustamente os seus responsables), sen esquecer a posibilidade que se ofrece para escoitar boa música, sexa da idade que sexa quen o fai, e mesmo, se se dá o caso, dar en cantaruxalas, porque non?, máis nun contexto coma o presente onde tanta falta fan modelos que poden animar a adoptar actitudes positivas cara ao noso propio idioma.

      Así pois esta feliz realidade, que vén da man de Paulo Nogueira e Magoia Bodega como principais responsables de dar corpo á idea inicial, xunta un total quince arrolos no que participan salientables profesionais da música como Sonia Lebedynski, Merchi Rodríguez (de Leilía), Pancho Álvarez, César Longa, Segundo Grandío, Begoña Riobó e Navia Rivas, ademais do propio Mini Rivas que arriba amentei e que deixa un fermoso e revelador prefacio como alguén que entende de verdade de música galega e, particularmente, desta tradición.

    Desde aquí alento a coñecer esta proposta, emocionalmente fermosa e intensa en tantas pezas, e interpretada visualmente con excelencia pola ilustradora catalá Mariona Cabassa. Unha edición especial do proxecto comercialízase desde Kalandraka nalgunhas librarías galegas cun axóuxere elaborado artesanalmente por Ganchillarte que compón, ao meu xuízo, un fermoso e acaído complemento. Unha sorte termos productos, entendo eu, que conxugan música, libro e artesanía con tanta solvencia e harmonía. Parabéns!

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: