Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

O cuarto poder en rede, de Víctor Sampedro

Víctor Sampedro

O cuarto poder en rede (tradución do autor e Virxinia Uzal)

Abooks, 242 páxinas, 14,99 €

 

 

Cómpre, ao meu xuízo, non deixar pasar desapercibida a publicación deste libro do profesor viveirense Víctor Sampedro que, baixo o título O cuarto poder en rede, supón por unha banda o primeiro volume da colección “Soños teimosos” do selo editoral Abooks e, pola outra, posibilita o acceso a un mangado de reflexións, xa non só sobre xornalismo senón sobre a sociedade de arestora e algúns dos seus desafíos, que axudan a ver as cousas doutro xeito.

     Manuel Rivas, no limiar deste volume, dío ás claras: “Veño de ler O cuarto poder en rede e cambioume a vista”, salienta o seu efecto “oftalmolóxico”  e sinala que é “testemuña dunha revelación, dun cambio de ollada sobre os paradigmas mediáticos”.  Un pode crer que as primeiras palabras puidesen vir ditadas pola necesaria benevolencia que unhas páxinas prologais esixen ou mesmo por certa inclinación á hipérbole mais, lido o libro, non dubido que agroman da fascinación -no meu caso compartida- que se sente ao ir avanzando por cuestións que afectan á veloz sucesión de acontementos que suceden ao noso redor  e que un carece de perspectiva para valoralos.

    Esta achega ensaística é densa e moi documentada;  suxire de seu unha lectura pousada -no meu caso cun lapis na man do que saíron tantos apuntamentos que disporía de ducias de chíos*, por exemplo, para ir enchendo a rede de pílulas para o debate- e, o que talvez sexa máis relevante, está narrado cunha tonalidade expositiva en absoluto doutrinaria nin doutrinal, exenta dun ton crispado, que tamén podería ser. É evidente, neste sentido, que este non é un libro aséptico, neutro nin neutral -iría contra o propio espírito do que se conta- mais tampouco cae nin no haxiográfico nin no laudatorio; ao contrario, persegue analizar cuestións que teñen que ver co xornalismo e a rede, a meu entender, con lucidez, argumentos e con visión crítica.

        Mais de que fala este libro? Xustamente do que Sampedro explica ao remitir á definición que Y. Benkler, que codirixe o instituto Berkman de Internet en Harvard, ofreceu cando testificou no xuízo a Bradley Manning: “o conxunto de prácticas e modelos de organización tecnolóxica que xuntos desempeñan o papel que no século XX asociabamos coa prensa: proporcionar un control político das tres ramas do goberno”. Sobre esta definición ofrécese unha singradura, de difícil sintetización aquí, mais que emprega algúns alicerces nucleados arredor de verdades de pé de banco como son a perda crecente de liberdades civís, analizando así o porvir da democracia, os novos paradigmas do xornalismo, a estigmatización dos hacktivistas, a existencia de internet como ferramenta de control, as dificultades que existen para procesar a información, o que supuxo Wikileaks e as actividades de Assange, xunto con Manning e Snowden ou a necesariedade de crear un contrapoder, como reacción aos sumidoiros en que o poder se move, en forma de xornalismo de código libre. Non esquece, asemade, unha síntese moi relevante que apunta ao devalo dos medios tradicionais que chegan a un público máis novo con moita dificultade porque este “xa forma parte dunha esfera pública dixital en rede”, algo que particularmente vexo todos os días no meu traballo docente.

     Se clarificadora, por reveladora de puntos de vista críticos e valorativos, resulta esta achega non  é menor a información que se deita no conxunto de notas a rodapé: moi suxestivas para avanzar, en rede, no coñecemento do noso tempo. Particularmente foi aí onde, por exemplo, souben da existencia tanto de MIA, filla dun guerrilleiro támil que politizou as pistas de baile coa súa música, como dos Yes Men; do proxecto informativo brasileiro Outras palabras; do negocio da ciberespionaxe; do célebre vídeo “Collateral Murder“, filtrado por Manning; das actividades de vixilancia da nosa privacidade a través da National Security Agency estadounidense; sobre conflitos internacionais e como se solventaron e de numerosos libros, vídeos ou películas que fan, dalgún xeito, deste libro un modelo de edición estendida.

         Aparecido hai xa algún tempo agardo que goce da atención mediática e lectora que merece. Este é un libro para debater do que non se sae indemne: saése máis informado, máis crítico e ofrece vimbios ou ferramentas críticas para entender o noso tempo doutro xeito. Serve para “prender a luz”, o que non é pouco.

———————

* Velaquí media ducia de citas que  animarían ao debate e que aparecen ciscadas polo libro:

-“De 2008 a 2012 uns 200 medios desapareceron, perdéronse 8000 empregos e 27.443 xornalistas quedaron en paro”.

-“A información será transmedia, en rede ou na Rede… ou non será”.

-“Temos unha imprenta no noso teclado”.

-“Hoxe a vixiancia non se aplica ós sospeitosos. É cotiá, sistemática e abrangue a toda a  poboación”.

-“Todos nos espiamos a todos e así nos facemos máis vulnerábeis”.

-“Só un xornalismo de código libre (para ser copiado, modificado e empregado) permitirá á sociedade civil exercer de contrapoder”.

Advertisements

2 comentarios en “O cuarto poder en rede, de Víctor Sampedro

  1. MariaLDário
    27 Decembro 2014

    Este assunto é muito sério para o nosso tempo. Obrigada pela sugestão do livro de Víctor Sampedro, Ramón Nicolás.

    • Ramón Nicolás
      27 Decembro 2014

      Moi serio e con consecuencias relevantes de non coñecelo. Obrigado, Maria Dario!

Os comentarios están pechados.

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: