Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

A distancia do tambor, de Eva Veiga

Eva Veiga

A distancia do tambor

Espiral Maior, Culleredo, 66 páxinas, 13 €

 

Reviso publicacións deste mesmo ano que por razóns diversas e en tantas ocasións non atribuíbles a falta de vontade para ler senón á escaseza de tempo para facelo, e dou con A distancia do tambor, de Eva Veiga, un libro de poemas extraordinario do que necesariamente debía dar conta.

        Veiga, con máis de vinte de anos de traxectoria como poeta, e que acadou con este libro a décimo terceira edición do premio de poesía “Fiz Vergara Vilariño“, expreme aquí trazos dunha estética pola que transita, ao meu ver, con efectividade e esixencia, onde salienta a dimensión simbólica que abraza revelándose tantas veces nas dicotomías ou nesa querenza por esculcar no pozo da memoria, pola imaxe visionaria, reforzando talvez con máis precisión neste libro unha suxestiva, e para min espléndida, inclinación polo verso puro, conciso e rotundo, explícito xa no primeiro poema que nos presenta o asunto do espazo comon un dos  nucleares deste libro.

       Tendencia que convive a carón doutras composicións de filiación máis narrativa onde salientaría cando menos tres que sospeito claves para a comprensión do libro: a décimo novena, dedicada a Margarita Ledo, onde se atopa o verso que lle dá título ao libro e se revelan as dimensións que supoñen os ritmos dos latexos do corazón co que se escribe; a composición vixésimo terceira, dedicada a Implicadas no desenvolvemento, onde se percibe esoutro alicerce do libro nucleado na loita das mulleres por existir e visibilizarse, na explotación que sofren e no que preciso que é abrazar unha ética colectiva;  e a trixésimo quinta, que se abre co verso “Se os soños baixan como estrelas”: ao meu xuízo un dos máis  antolóxicos poemas de amor publicados nos últimos tempos.

      Hai moito máis neste libro: desde a tendencia innata á simboloxía, entretecida coa sempre precisa auréola de misterio, pasando por asuntos como a imposibilidade de distinguir ou xebrar ou   sobre o “eu” que xa non é porque fuxiu ata se cuestionar o sentido que ten apreixar o pasado e o propio tempo, sen esquecer luzadas sobre o abatemento arredor do concepto da esperanza. Un libro brillante, cheo de preguntas -“redondel ausente”- que cadaquén, se quere, debe respostar; cheo de distancias que se acurtan desde a emoción que xera a súa lectura.

Advertisements

Un comentario en “A distancia do tambor, de Eva Veiga

  1. Pingback: “Se os soños baixan como estrelas”, poema de Eva Veiga | CADERNO DA CRÍTICA

Os comentarios están pechados.

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: