O que vén no 2015 (algunhas efemérides literarias e culturais)

Xosé Filgueira Valverde

Hai por volta dun ano deixei neste blog unha referencia a algunhas das efemérides específicas de carácter literario e cultural que ao longo de 2014 iamos vivir. Volvo sobre o tema para este inmediato futuro a tan só unhas horas de comezar un novo ano.

      Nesta ocasión é evidente que a celebración máis institucionalizada que se celebra anualmente entre nós, como é o Día das Letras Galegas, será unha das máis polémicas das vividas nos últimos anos por mor da escolla dunha figura inevitablemente controvertida como é Filgueira Valverde para protagonizala. A decisión da RAG suscitou iradas e previsibles polémicas e é de supor que estas vaian adquirindo novos matices consonte nos acheguemos xustamente ao mes de maio; veremos o que dá de si este Filgueira 17-M.

Xosé María Álvarez Blázquez

        Á marxe desta convocatoria no 2015 é de supor que recibirán algún tipo de recoñecemento catro persoas das que se cumpre o centenario do seu nacemento.  Velaí dous ensaístas relacionados co galeguismo e coa editorial Galaxia como son Ramón Piñeiro -que tamén faleceu hai vinte e cinco anos- e mais Xaime Illa Couto. Neste grupo cómpre incluír a figura do poeta, narrador e editor Xosé María Álvarez Blázquez, respecto de quen, ao que sei, a Fundación Penzol dispón xa os vimbios para unha exposición que lembrará e actualizará o papel desenvolto polo autor dese magnífico libro, entre outros, que aínda é  A cidade e os días. Asemade, sería interesante aproveitar o centenario da case totalmente ignorada xornalista e actriz galega Maruxa Boga para difundir a súa achega, desenvolta sobre todo no ámbito do teatro e na cidade de Bos Aires.

Maruxa Boga

      Hai xustamente cen anos publicáronse tres libros que ben merecerían algunha atención mediática ou crítica: Vento mareiro, de Ramón Cabanillas; a primeira edición do denominado Pergamiño Vindel e, finalmente, A cruz de Salgueiro, do semiesquecido Xesús Rodríguez López, malia contar cunha relativamente recente edición do devandito título.

    Por último, aproveitando que xa transcorreron cincuenta anos desde a súa morte sería mágoa non reivindicar algunhas figuras no 2015 como son as do xornalista e poeta Xulio Sigüenza, a do etnógrafo e  novelista Lois Carré Alvarellos ou a do debuxante e poeta Ánxel Johán. Asemade, a produción editorial en 1965 ofreceu libros que ben se poderían poñer en valor por esta razón como Xente no rodicio, de Neira Vilas; Á outra banda do Íberr, de Xohana Torres; A noite vai coma un río, de Álvaro Cunqueiro (publicada ese ano na revista Grial) ou A orella no buraco de María Xosé Queizán. Igualmente naquel ano,  da man da editorial Galaxia, publicouse un libro aínda hoxe esencial do filólogo Manuel Rodrigues Lapa como foi Cantigas d´escarnho e mal dizer dos cancioneiros medievais galego-portugueses.

    Sen afán totalizador, velaquí algunhas propostas propias para seguirmos traballando nesta leira vizosa que segue a requirir mans que a coiden e que non a maltraten. Cos meus afectos, bo 2015!