Supón unha tradición comezar o ano neste blog coa reprodución dun poema. Nesta ocasión permítome collerllo prestado a Eva Veiga do seu libro A distancia do tambor, editado por Espiral Maior. Trátase dun poema espléndido -o trixésimo quinto dese volume- que convida a que esas condicionais expresas se completen privativa e individualmente con cada lectura.
Grazas a Eva Veiga por escribir estas cousas para que os soños baixen a “beber do día”, con fe na verdade, na luz, no arrolo da noite, na ollada ou no amor. Sempre adiante e Feliz Aninovo!
SE os soños baixan como estrelas
a beber do día.
Se a verdade máis fonda se atopara
na incerteza.
Se sempre a luz deixa
o seu segredo sobre as cousas.
Se arrola a noite aínda máis dentro
a tenrura do volcán.
Se me ollas en silencio e o mundo
deixa de dar voltas.
Se se abrise a chuvia
nos teus labios.
Se da nube me derrota
a súa beleza.
Se o amor nos ergue
sobre a cinza.